25 estudantes de Ferrol poderán pasar tres semanas en Irlanda aprendendo inglés de balde

Aprender inglés en Irlanda durante tres semanas e sen custo para as familias. Esa é a oportunidade que ofrecerá o Concello de Ferrol a 25 estudantes de primeiro de Bacharelato co seu novo programa de inmersión lingüística, denominado 'Summer speaks Ferrol' que se desenvolverá durante o verán de 2027.
A iniciativa contempla estadías de 21 días e 20 noites en Irlanda, durante os meses de xullo ou agosto, cun programa que combinará formación intensiva en inglés e actividades culturais e deportivas. O Concello prevé destinar un máximo de 120.990 euros á organización destas viaxes, cuxo expediente está previsto que avance na xunta de goberno local.
Os participantes recibirán polo menos 15 horas semanais de clases de inglés de luns a venres pola mañá, impartidas por profesorado nativo ou con nivel C2. As tardes estarán reservadas para actividades de lecer, mentres que as fins de semana se organizarán visitas didácticas a lugares de interese histórico ou cultural do país.
O programa cubrirá todos os gastos dos estudantes, incluídos os voos, os traslados desde Ferrol ata o aeroporto e os desprazamentos en Irlanda, o aloxamento nunha residencia de estudantes, a manutención (cun mínimo de tres comidas diarias) e o material didáctico. Os alumnos compartirán habitacións de ata catro persoas e estarán acompañados por un equipo de monitores bilingües.
Para optar a unha das 25 prazas será necesario estar matriculado en primeiro de Bacharelato nun centro educativo de Ferrol e estar empadroado no municipio. A selección realizarase mediante un sistema de baremación que terá en conta aspectos académicos, como a nota media do expediente, e económicos, atendendo á renda da unidade familiar.
As datas concretas e o destino irlandés aínda están pendentes de determinar, xa que se coñecerán unha vez adxudicado o contrato para organizar as estadías. O Concello esixe que a localidade elixida conte cunha oferta cultural e natural que permita ao alumnado integrarse na vida irlandesa e aproveitar a experiencia como unha auténtica inmersión lingüística.
O programa tamén contempla unha reunión informativa coas familias antes da viaxe, así como un teléfono de asistencia durante a estadía para garantir a comunicación e o seguimento dos estudantes. A iniciativa busca facilitar a aprendizaxe dunha segunda lingua e ampliar as oportunidades académicas e laborais dos mozos ferroláns.