30 barrios e parroquias recibirán actuacións de mantemento en Ferrol dentro do recuperado Plan de Barrios

Os servizos municipais percorrerán nos próximos meses un total de 30 barrios e parroquias dentro da nova edición do Plan de Barrios, unha iniciativa que se recupera para reforzar as tarefas ordinarias de mantemento e mellora dos espazos públicos, tanto na zona urbana como no rural.
O programa dará comezo o vindeiro luns, 14 de setembro, en Prioriño, e desenvolverase semanalmente ata abril de 2027. A programación contempla a presenza dos equipos municipais en 17 parroquias do rural e 13 barrios urbanos.
Tras Prioriño, o plan continuará o 21 de setembro en A Graña e o 28 en Valón. Durante outubro, as actuacións chegarán a Recimil, O Lago, San Xoán e Santa Icía, mentres que en novembro será a quenda de Ferrol Vello, Pazos, Esteiro, Serantes e Santa Mariña.
O calendario continuará en decembro con intervencións en Papoi, San Felipe e Covas, antes de retomar a actividade en xaneiro de 2027.
Nese mes, os traballos desenvolveranse no Ensanche A, Xunta Veciñal e Mandiá. En febreiro será a quenda de San Pablo, Ultramar, Viladóniga e Canido, mentres que en marzo o programa pasará por Esmelle, Caranza, A Cabana e Centro.
A última fase terá lugar en abril, con actuacións previstas en San Román, Brión, San Xurxo e Cariño.
Limpeza, iluminación e mantemento dos espazos públicos
O Plan de Barrios permitirá reforzar diferentes servizos municipais, con actuacións relacionadas coa limpeza viaria, a iluminación, os xardíns e o estado dos viais. Ademais, os equipos desprazados a cada zona poderán identificar novas necesidades e recoller as demandas formuladas pola veciñanza.
A intención é que o programa sirva non só para executar traballos concretos, senón tamén para coñecer de primeira man as necesidades existentes nos distintos barrios e parroquias e facilitar a planificación de futuras intervencións.
O Plan de Barrios fora posto en marcha inicialmente en 2011, pero deixou de executarse nos últimos anos. A súa recuperación permitirá establecer de novo unha programación específica e periódica de actuacións por diferentes puntos do municipio.