A Andada a Santo André de Teixido celebra as súas vodas de prata con 25 quilómetros de percorrido dende Valdoviño

FerrolXa
A XXV edición terá lugar o 3 de outubro e as inscricións abrirán o 21 de setembro, con prazas limitadas e un prezo de 15 euros
VALDOVIÑO andada santo andré
20 Sep 2026

Un dos percorridos máis tradicionais para descubrir o patrimonio e a paisaxe da comarca volverá reunir camiñantes este outono. A Andada a Santo André de Teixido organizada polo Concello de Valdoviño cumpre 25 anos e celebrará o seu aniversario cunha nova edición o próximo sábado 3 de outubro.

A actividade, promovida pola Concellería de Cultura, mantén o seu obxectivo de poñer en valor o itinerario ata Santo André de Teixido e dar a coñecer o seu interese patrimonial e etnográfico, especialmente no tramo que atravesa Valdoviño.

Inscricións a partir do 21 de setembro

As inscricións para participar na XXV Andada abriranse o luns 21 de setembro e poderán formalizarse ata o día 27, sempre que queden prazas dispoñibles.

Existen dúas vías para apuntarse. Por unha banda, presencialmente na Casa da Cultura, de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 horas. Cada persoa poderá realizar un máximo de tres inscricións. Tamén será posible inscribirse por internet a través da web municipal. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición e crearase unha lista de agarda para as persoas que non consigan unha das prazas dispoñibles.

Se se producen vacantes, o Concello contactará telefonicamente coas persoas da lista de agarda os días 29 e 30 de setembro, entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Saída ás 8.00 horas e regreso en autocar

A andada comezará ás 8.00 horas desde o aparcadoiro situado fronte á Casa Joselito. O percorrido será duns 25 quilómetros e contará con varios puntos de avituallamento ao longo do camiño.

Como parte da tradición desta actividade, os participantes realizarán dúas paradas especiais. A primeira será na Ermida da Nosa Señora de Liñeiro, coñecida popularmente como a Capela da Fame, e a segunda no núcleo de Porto do Cabo.

A ruta rematará no santuario de Santo André de Teixido, onde está previsto o xantar dos participantes. O regreso a Valdoviño realizarase en autocar, con saída prevista ás 18.00 horas.

Unha actividade para maiores de 12 anos

O prezo da inscrición é de 15 euros e inclúe o seguro da actividade, o xantar e o transporte de regreso en autocar.

A participación está aberta a menores a partir dos 12 anos, aínda que deberán contar coa autorización da nai, pai ou titor legal. Ademais, os menores de entre 12 e 14 anos terán que acudir acompañados por unha persoa adulta. A organización contará tamén coa colaboración da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que prestará apoio durante o desenvolvemento da andada.

A celebración dos 25 anos desta iniciativa supón ademais un recoñecemento á traxectoria dunha actividade que, desde a súa primeira edición, contribuíu a reivindicar e divulgar o valor do camiño a Santo André de Teixido.

0.12132811546326