A ANPA do CEIP Juan de Lángara convoca un peche humano ante a entrada reiterada de xabarís no colexio

A presenza reiterada de xabarís no recinto do CEIP Juan de Lángara, en Ferrol, levou a asociación de nais e pais (ANPA) a convocar un peche humano simbólico arredor do colexio. A protesta terá lugar este xoves, 12 de novembro, ás 9:00 horas, para esixir ao Concello unha actuación urxente que impida a entrada destes animais e garanta a seguridade dos menores.
As familias alertan de que os xabarís non só acceden ao recinto cando o centro está baleiro, senón que tamén foron vistos durante a entrada do alumnado ao comedor escolar. Esta circunstancia incrementou a preocupación da comunidade educativa ante o risco de que se produza un encontro entre os animais e os nenos e nenas durante a actividade escolar.
A ANPA denuncia que a situación tamén está a provocar danos nas instalacións exteriores, especialmente nas zonas verdes, onde os animais removen a terra e deterioran o terreo. Segundo a asociación, resulta moi difícil manter o recinto en boas condicións mentres continúen producíndose estas entradas.
Unha renovación do peche aprobada en xuño
A asociación lembra que o problema xa fora trasladado ao Concello durante os primeiros meses de 2026 por distintas entidades sociais e veciñais de Canido, que alertaron do deterioro do peche perimetral do colexio.
A cuestión chegou ao pleno municipal do 25 de xuño, no que se aprobou por unanimidade unha moción que contemplaba, entre outras medidas, a renovación integral e urxente do peche para impedir a entrada de fauna salvaxe. O acordo tamén incluía actuacións de limpeza, salubridade e mantemento dos espazos exteriores, así como a creación dunha partida municipal específica para financiar as intervencións.
Máis de catro meses despois, as familias consideran que aínda non se deu unha resposta efectiva e reclaman que os compromisos se traduzan en actuacións concretas, con prazos e recursos definidos.
O recinto tamén o utiliza o Club de Rugby Ferrol
A problemática afecta tamén a outras actividades que se desenvolven nas instalacións. O recinto escolar acolle, entre outras iniciativas, os adestramentos do Club de Rugby Ferrol, que utiliza o campo de herba. A entrada dos xabarís provoca danos no terreo e problemas de salubridade que dificultan o desenvolvemento da actividade deportiva.
A mobilización deste xoves celebrarase baixo o lema 'PECHAMENTO HUMANO POLO NOSO COLEXIO! POR UN COLEXIO SEGURO!'. A ANPA fai un chamamento ás familias, ao profesorado, ás entidades veciñais e deportivas e ao conxunto da cidadanía para que se sumen a esta protesta pacífica.
A asociación reclama ao Concello de Ferrol que renove o peche perimetral, actúe sobre as zonas afectadas e comunique á comunidade educativa os prazos previstos. O seu principal obxectivo, subliña, é evitar que se produza un incidente e garantir a seguridade do alumnado.