A ANPA do IES de Fene celebra o investimento de 700.000 euros anunciado pola Xunta, pero reclama que as obras se materialicen

A Asociación de Nais e Pais do IES de Fene recibiu con cautela o anuncio da Xunta de Galicia de investir 700.000 euros na rehabilitación integral do centro educativo. A entidade considera que o compromiso supón un avance nas reivindicacións que a comunidade educativa leva trasladando desde hai anos, pero insiste en que o anuncio debe traducirse en actuacións concretas.
O investimento anunciado contempla a renovación da cuberta, a substitución de ventás e persianas, o illamento térmico das fachadas mediante un sistema SATE, a instalación de falsos teitos e novas luminarias, así como traballos de pintura no interior do edificio.
Desde a ANPA destacan que este compromiso chega tras meses de mobilizacións, denuncias públicas e iniciativas institucionais, así como a recollida e entrega de máis de 3.000 sinaturas na Delegación Territorial da Xunta en Ferrol. A asociación considera que a presión exercida pola comunidade educativa contribuíu a dar visibilidade a unha problemática que, segundo denuncia, levaba demasiado tempo agardando solución.
'A mobilización dá froitos, pero non baixamos a garda', sinala a entidade, que insiste en que 'o IES de Fene merece feitos, non promesas'. Neste sentido, advirte de que retomará as protestas xunto co resto da comunidade educativa se os compromisos non se materializan ou se producen atrasos inxustificados.
A ANPA tamén lembra que o investimento anunciado non resolve todas as necesidades do instituto. Entre as cuestións pendentes sitúa a construción dunha das pistas deportivas para permitir o seu uso durante os días de choiva, así como a resolución das deficiencias en materia de accesibilidade e seguridade e outras carencias que afectan ao funcionamento diario do centro.
A asociación agradeceu expresamente o apoio da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, polo seu acompañamento ás reivindicacións e a súa implicación para trasladar a problemática ás institucións. Tamén destacou a participación do profesorado do centro nos 'Martes en loita' e o apoio das familias, docentes e demais persoas que colaboraron na demanda colectiva.
A entidade asegura que continuará vixiante para que o investimento anunciado se concrete, se cumpran os prazos e as obras se executen efectivamente. O seu obxectivo, subliña, segue sendo contar cun instituto 'digno, seguro, accesible e dotado das condicións necesarias' para que alumnado e profesorado desenvolvan a súa actividade educativa.