A avespa asiática e como actuar ante as súas picaduras centran a primeira charla de Contando Ciencia en Fene

A problemática da avespa asiática, as medidas para controlar a súa expansión e os primeiros auxilios en caso de ataque ou picadura protagonizarán a primeira sesión da sexta edición de Contando Ciencia, que comeza este xoves 12 de novembro en Fene.
A charla, titulada 'Control da velutina e outras avespas asiáticas', correrá a cargo de Rafael Díaz Nieto, responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA). A conferencia celebrarase ás 19:30 horas na Casa da Cultura, con entrada libre e de balde.
Durante a sesión, o técnico apícola abordará os danos que ocasiona a velutina e outras especies de avespas asiáticas presentes en España, como a Soror en Asturias e a Orientalis e a Bicolor en Andalucía. Tamén explicará os riscos que representan para a poboación rural, o seu impacto en actividades agrarias como a apicultura, a fruticultura e o sector forestal, así como os seus efectos sobre o medio ambiente. A charla incluirá medidas básicas para o seu control no medio rural e pautas de primeiros auxilios ante un ataque ou unha picadura.
Díaz Nieto é técnico apícola e apicultor desde os 17 anos. Actualmente conta con 150 colmeas en Ferrolterra e outras 80 na montaña lucense. Ademais da súa responsabilidade na AGA, preside a cooperativa APINOR (Apícola del Noroeste), a primeira cooperativa apícola creada en Galicia, en 1986. Tamén ocupa distintos cargos en entidades agrarias da comarca, como UCAFE e a Asociación Agrarista Círculo Gacela de Ferrol.
Unha segunda conferencia sobre exercicio físico e cancro
A seguinte cita de Contando Ciencia será o xoves 10 de decembro e estará protagonizada por Elena Brozos Vázquez, doutora en Medicina Clínica e médica adxunta no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. A súa conferencia levará por título 'Moverse para vivir mellor. Exercicio físico antes, durante e despois do cancro'.
Contando Ciencia é un ciclo organizado pola Concellería de Ensino de Fene coa colaboración do IES de Fene. A coordinación corre a cargo da mestra Violeta Miraz Seco.