A Capela habilita catro puntos para que a veciñanza poida recoller auga durante a situación de escaseza

FerrolXa
O Concello pide reducir o consumo e lembra que está prohibido lavar vehículos e baldear rúas, superficies e terrazas de establecementos hostaleiros
auga xenerica
21 Aug 2026

A situación de escaseza de auga levou ao Concello da Capela a habilitar catro puntos de subministración de auga para facilitar o abastecemento á veciñanza. A medida foi comunicada polo Goberno local nun bando publicado este 19 de agosto.

Os puntos habilitados atópanse no aparcamento situado detrás do centro de saúde, no Cruce do Piñeiro, en Barreiros e no Cruce de Sande-Xasén. O Concello sinala ademais que, se fose necesario habilitar algún punto adicional, a veciñanza pode comunicalo para valorar a súa posta en funcionamento.

Ante a situación actual, o Goberno local fai un chamamento ao uso responsable da auga e pide á poboación que extreme as precaucións no consumo doméstico.

Entre as recomendacións trasladadas polo Concello está a redución da rega de plantas e xardíns, así como evitar o enchido de piscinas privadas nesta época do ano. Tamén se solicita facer un uso racional da auga no fogar, abrindo as billas unicamente cando sexa necesario.

O bando municipal inclúe igualmente recomendacións para optimizar o consumo en tarefas cotiás, como utilizar de maneira eficiente a cisterna do baño ou poñer a lavadora e o lavalouzas cando teñan a carga completa e empregando programas axeitados.

Desde o Concello tamén se recomenda ducharse en lugar de bañarse, co obxectivo de reducir o gasto de auga nos fogares.

Prohibicións ante a falta de auga

A situación leva tamén aparelladas determinadas restricións. O bando establece a prohibición do lavado de vehículos e do baldeo de superficies, rúas e terrazas dos establecementos de hostalaría, que deberán limitarse ás tarefas de limpeza que resulten obrigatorias.

O Concello da Capela pide así a colaboración da veciñanza para reducir o consumo e contribuír a garantir o abastecemento durante este episodio de escaseza.

0.077511072158813