A Carreira Popular e a Travesía a Nado lideran unha fin de semana con máis dunha decena de actividades en Cedeira

A Carreira Popular e a XXVIII Travesía a Nado Vila de Cedeira converteranse nas grandes protagonistas da axenda desta fin de semana en Cedeira, que ofrecerá unha ampla programación con propostas deportivas, culturais e festivas para todos os públicos.
A primeira gran cita chegará este venres 7 de agosto coa tradicional Carreira Popular, unha proba xa consolidada no calendario estival da vila polo seu carácter participativo e lúdico. A Praza Roxa será o punto de saída e chegada da carreira. As inscricións poderán realizarse desde as 17.00 horas e a saída está prevista para as 19.00 horas.
O deporte continuará o sábado 8 de agosto coa celebración da XXVIII Travesía a Nado Vila de Cedeira, unha competición que reunirá a nadadores de Galicia e doutras comunidades autónomas. Haberá probas de 50, 300, 800 e 1.500 metros e, segundo o Club Natación Cedeira, xa hai preto de 200 persoas inscritas, polo que se espera unha das edicións con maior participación dos últimos anos.
A programación cultural tamén ocupará un lugar destacado durante estes días. O venres, ás 21.30 horas, o Auditorio Municipal acollerá unha nova sesión do ciclo Mestre Mateo coa proxección da película 'Sirat', mentres que o xoves terá lugar a presentación dun novo número da revista de estudos locais 'Terras de Ortegal'.
A oferta completarase coa segunda charla do programa Cedeciencia, que se celebrará tamén o venres no Bar Mástil. Miguel Hevia e Clàudia Fontserè compartirán os seus coñecementos sobre o lobo, a súa presenza na Serra da Capelada e os estudos xenéticos arredor desta especie.
A música terá tamén un papel protagonista coa XXIII edición do Certame de Bandas de Música 'Vila de Cedeira', que reunirá o sábado ás bandas de Meira, Noia e Cedeira. As formacións realizarán un pasarrúas polo centro da vila antes dos concertos previstos no parque do Floreal.
A axenda completarase coas Festas de San Román, que incluirán misas, sesións vermú, un partido de fútbol entre solteiros e casados e verbenas ao longo da fin de semana.
Mentres tanto, continúa desenvolvéndose a Semana Infantil, que rematará este venres co tradicional concurso de construción de castelos na area, poñendo o broche final a unha programación que está a rexistrar unha elevada participación.