A Casa da Cultura de Fene pechará durante a primeira quincena de agosto por labores de mantemento

A Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada entre o 1 e o 16 de agosto para levar a cabo diferentes tarefas de mantemento nas súas instalacións. Así o comunicou a Concellería de Cultura, que aproveita este período estival para realizar actuacións de conservación e mellora do edificio.
O peche afectará a todos os servizos que se prestan no inmoble, incluídos a Biblioteca Municipal de Fene, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e a sala de exposicións temporais, que non estarán operativos durante esas dúas semanas.
Unha vez rematados os traballos, a actividade recuperarase o luns 17 de agosto, cando a Casa da Cultura volverá abrir ao público co seu horario de verán, de luns a venres entre as 10.00 e as 14.15 horas. As instalacións permanecerán pechadas os sábados e domingos.
Desde o Concello lamentan as molestias que esta interrupción temporal poida ocasionar ás persoas usuarias e lembran que os traballos de mantemento son necesarios para garantir o correcto funcionamento das instalacións municipais.