A cerámica e as artes plásticas volven encher de creatividade as parroquias de Valdoviño

Valdoviño pon en marcha este martes 8 de setembro o prazo de inscrición para participar nas súas Aulas de Cerámica e de Artes Plásticas, dúas propostas culturais que regresan tras a boa acollida das edicións anteriores.
A Aula de Cerámica afronta o seu segundo curso despois da experiencia iniciada en 2025. A actividade estará novamente dirixida pola artista local Martina Beceiro, que conta co seu estudo en Vilarrube.
As sesións están destinadas a nenos e nenas a partir de 3º de Primaria, así como a persoas adultas. Terán lugar os xoves, de 16.30 a 18.30 horas, no local social de Vilaboa, situado na antiga escola unitaria.
Esta proposta forma parte da aposta municipal por descentralizar as actividades culturais e achegalas tamén ás diferentes parroquias, máis aló dos espazos habituais da Casa da Cultura. As persoas interesadas na Aula de Cerámica poderán formalizar a súa inscrición ata o 18 de setembro, tanto presencialmente na Casa da Cultura, de 9.00 a 13.00 horas, como a través da sede electrónica.
Por outra banda, tamén se abre o prazo para a Aula de Artes Plásticas, que volve contar cunha elevada demanda e ofrecerá dous grupos. As sesións celebraranse os martes ás 16.30 e ás 18.30 horas, cunha duración de dúas horas. O encargado de impartir novamente esta actividade será o pintor Manuel Carballeira. A aula terá carácter interxeracional e estará aberta tanto a nenos e nenas a partir de 7 anos como a persoas adultas.
Neste caso, as clases desenvolveranse no local social de Loira, un espazo situado nunha contorna especialmente atractiva e con vistas ao encoro. A cota será de 22,12 euros para os menores de idade e de 29,49 euros para as persoas participantes de 18 anos ou máis.
O prazo para anotarse nas dúas actividades permanecerá aberto ata o 18 de setembro, coa posibilidade de realizar o trámite presencialmente na Casa da Cultura, de 9.00 a 13.00 horas, ou mediante a sede electrónica.