A comunidade educativa da Solaina concéntrase ante a Xunta para esixir unha reforma integral do colexio

A comunidade educativa do CEIP A Solaina de Narón concentrouse este luns ante a sede da Xunta de Galicia en Ferrol para reclamar unha reforma integral do centro. A protesta, convocada pola ANPA, reuniu familias e representantes municipais que denunciaron o deterioro das instalacións e reclamaron unha resposta urxente da Administración autonómica.
A mobilización tivo lugar ás 12.00 horas na praza Amada García, onde os asistentes trasladaron as súas reivindicacións sobre o estado do colexio, que leva décadas sen unha renovación de calado. Entre os problemas denunciados figuran humidades, filtracións, falta de illamento, radiadores deteriorados, baños en mal estado e a presenza de amianto en determinadas zonas do edificio.
O centro, construído hai máis de 40 anos, leva tempo reclamando unha rehabilitación integral que permita garantir unhas condicións adecuadas para o alumnado e o persoal docente. As familias consideran insuficientes as actuacións puntuais realizadas ata agora e demandan unha intervención que solucione de maneira definitiva as deficiencias acumuladas.
A protesta deste luns súmase a outras iniciativas impulsadas pola comunidade educativa durante os últimos meses. O pasado outubro, a ANPA organizou unha recollida de sinaturas que reuniu 360 apoios nunha soa xornada, mentres que ao inicio do curso colocou elementos relacionados coa construción no exterior do colexio para reclamar que as obras comecen canto antes.
Na concentración participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Ensino, Olga Ameneiro, e Turismo, Natalia Hermida, que acompañaron á comunidade educativa na súa reclamación ante a Xunta.
As familias insisten en que o colexio necesita unha actuación global que permita renovar as instalacións e garantir un entorno seguro e digno para os nenos e nenas que acoden diariamente ao centro. A comunidade educativa reclama á Administración autonómica que concrete os compromisos e dea resposta a unhas demandas que levan anos trasladando.