A Confraría de Cedeira impulsará un proxecto para reforzar a formación e o relevo xeracional no sector pesqueiro

FerrolXa
A iniciativa 'Tecendo Futuro' incluirá un curso de reparación de artes de pesca e accións para poñer en valor o patrimonio mariñeiro e a conservación do medio mariño
FERROL cofradía pescadores
3 Aug 2026

A Confraría de Pescadores de Cedeira presentará o vindeiro venres 7 de agosto o proxecto 'Tecendo Futuro: Profesionalización do sector e rexeneración do mar de Cedeira', unha iniciativa orientada a fortalecer o sector pesqueiro local mediante accións de formación, conservación do patrimonio mariñeiro e sensibilización ambiental. O acto terá lugar ás 11.00 horas e reunirá a representantes do propio pósito, da Federación Galega de Redeiras, do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal e da Consellería do Mar.

Un dos piares do proxecto será a posta en marcha dun curso de mantemento e reparación de artes de pesca, unha formación coa que se pretende ampliar as oportunidades laborais no sector e contribuír á recuperación dun oficio especializado como o das redeiras. A iniciativa busca, ademais, favorecer a polivalencia profesional das mulleres do mar e responder á demanda de persoal cualificado nesta actividade.

A presentación servirá tamén para dar a coñecer os obxectivos do programa e abrir un espazo de intercambio co sector pesqueiro, co propósito de identificar necesidades e impulsar novas vías de colaboración para garantir o futuro da actividade mariñeira en Cedeira.

O proxecto conta co financiamento do GALP A Mariña-Ortegal, no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo apoiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A iniciativa enmárcase nas accións que nos últimos anos vén desenvolvendo a Confraría para promover a capacitación profesional, facilitar o relevo xeracional e mellorar a competitividade do sector pesqueiro local.

0.09166407585144