A conta atrás para a eclipse total comeza co reparto gratuíto de lentes homologadas en San Sadurniño

FerrolXa
O Concello distribúe 1.000 unidades antes do histórico fenómeno do 12 de agosto e reforza a campaña para evitar lesións oculares irreversibles
aclipse-gafas-coidado-ollos
30 Jul 2026

O Concello de San Sadurniño iniciou o reparto gratuíto de 1.000 lentes homologadas para que a veciñanza poida observar con seguridade a eclipse total de Sol que terá lugar na tarde do 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que non volverá repetirse en Galicia ata dentro de 154 anos.

A distribución está a realizarse na Casa do Concello e tamén a través de bares e establecementos comerciais colaboradores, ata esgotar existencias. O goberno local dá prioridade ás persoas maiores e ás que teñen máis dificultades para desprazarse, establecendo un máximo de dúas lentes por persoa co obxectivo de chegar ao maior número posible de fogares.

San Sadurniño será un dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse. No municipio, a totalidade producirase entre as 20.27 e as 20.28 horas, cando a Lúa ocultará por completo o disco solar durante un minuto e 35 segundos. Porén, o fenómeno prolongarase desde as 19.30 ata as 21.21 horas, período no que será imprescindible utilizar protección ocular homologada sempre que o Sol permaneza visible.

O Concello leva semanas desenvolvendo unha campaña informativa para concienciar sobre a importancia de observar a eclipse con todas as garantías. Ademais do reparto de lentes, publicou unha guía práctica, organizou unha charla divulgativa e reforzará nos próximos días a difusión de recomendacións de seguridade a través do boletín municipal e das redes sociais.

Desde a administración local lembran que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen lentes homologadas, nin durante a eclipse nin en ningún outro momento. Tamén advirten de que elementos como lentes de sol, radiografías, cristais afumados, CDs ou pantallas de soldadura non ofrecen protección suficiente e poden provocar lesións permanentes na retina.

O alcalde, Secundino García Casal, fixo un chamamento á responsabilidade para que a xornada transcorra sen incidentes. O rexedor tamén recomenda planificar con antelación o lugar desde o que se observará a eclipse, evitar desprazamentos de última hora e conducir con prudencia, xa que se agarda unha importante afluencia de persoas aos puntos elevados do municipio.

0.090775966644287