A Coruña aposta pola intelixencia artificial verde cun curso gratuíto

O proxecto Allocate abre hoxe o prazo de preinscrición para unha formación especializada en intelixencia artificial verde e ética, na que participa o Concello da Coruña. O curso abordará os principais desafíos tecnolóxicos, ambientais e regulatorios relacionados coa IA da man de especialistas dos ámbitos académico, empresarial e institucional.
A iniciativa conta tamén coa colaboración da Universidade da Coruña, a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Altia, Khora Urban Thinkers e o Clúster TIC Galicia. A matrícula será gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán superar un proceso de selección.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de novembro. A comunicación das persoas admitidas está prevista para o día 11, mentres que a matrícula deberá formalizarse entre o 11 e o 13 de novembro. As clases desenvolveranse durante un mes, desde o 17 de novembro ata o 17 de decembro.
O programa inclúe contidos relacionados co deseño urbano baseado en datos, a aplicación da intelixencia artificial á sustentabilidade e o desenvolvemento de sistemas de IA enerxeticamente eficientes. Tamén se analizarán ferramentas para calcular e reducir a pegada ambiental destas tecnoloxías, así como cuestións relativas á privacidade e á seguridade dos datos.
A formación abordará, ademais, os principios éticos da intelixencia artificial, a gobernanza e a regulación europea a través da AI Act, e incluirá casos prácticos centrados na aplicación dunha IA verde e ética.
O curso está especialmente orientado a profesionais do sector tecnolóxico e a empresas da Coruña interesadas en incorporarse á Comunidade Local de Computación impulsada por Allocate.
Un investimento de 5,5 millóns
Allocate conta cun orzamento total de 5,5 millóns de euros. Deles, 4,4 millóns proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da Iniciativa Urbana Europea, mentres que o Concello da Coruña achega os 1,1 millóns restantes.
O obxectivo do proxecto é constituír unha comunidade local de empresas que poida reforzar as súas capacidades no ámbito da intelixencia artificial, cunha atención especial á sustentabilidade e á ética. Para iso, porase á súa disposición unha infraestrutura de computación que permitirá probar e validar algoritmos, acceder a formación especializada e traballar con datos urbanos de calidade.
A iniciativa contempla tamén unha convocatoria para desenvolver solucións baseadas en intelixencia artificial aplicadas a necesidades reais da cidade. Os proxectos estarán vinculados a ámbitos como a mobilidade, a xestión dos residuos e a atención á cidadanía.