A Deputación inviste 649.000 euros en mellorar estradas de Cariño e Cedeira

FerrolXa
As actuacións permitirán renovar o firme de case 4,5 quilómetros de vías provinciais e reforzar a seguridade da circulación
Estrada-dP-6121-Cariño-
13 Oct 2026

A Deputación da Coruña sacou a licitación dous proxectos para mellorar a rede viaria provincial nos concellos de Cariño e Cedeira, cun orzamento conxunto de 649.414,94 euros. As obras inclúen a renovación do pavimento de case 4,5 quilómetros de estradas, así como diferentes intervencións destinadas a incrementar a seguridade e as condicións de circulación. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 3 de novembro.

A actuación de maior importe desenvolverase en Cariño, onde a institución provincial investirá 445.966,52 euros no reforzo do firme da estrada DP-6121, que comunica Mera con Cariño. Os traballos concentraranse entre os puntos quilométricos 5,370 e 8,400, nun treito de algo máis de tres quilómetros.

O proxecto contempla a reparación das zonas máis deterioradas e a colocación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente, cun espesor de seis centímetros, ao longo de toda a anchura da calzada e das beiravías. Antes de aplicar o novo pavimento, realizaranse labores de limpeza nas beiravías e nas cunetas das dúas marxes nos puntos onde sexa necesario.

A intervención completarase coa renovación das marcas viarias e coa substitución das barreiras de seguridade existentes. Neste último caso, instalaranse sistemas de protección específicos para motoristas.

En Cedeira, o investimento previsto ascende a 203.448,42 euros e permitirá actuar en dous treitos da rede provincial. O primeiro corresponde á estrada DP-2204, que une Cedeira con Chímparra, entre os puntos quilométricos 1,390 e 2,495. O segundo abrangue os primeiros 320 metros da DP-2206, que vai das Pontigas ao quilómetro 1 da estrada de San Andrés de Teixido. En conxunto, as obras afectarán a 1,425 quilómetros de vías.

Neste municipio, os traballos consistirán tamén na aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de grosor sobre a calzada e as beiravías. Ademais, abriranse cunetas nos lugares nos que resulte preciso, renovarase a sinalización horizontal e instalaranse barreiras de seguridade.

Os dous proxectos establecen un prazo de execución de tres meses desde o inicio das obras. Coas intervencións previstas, a Deputación busca mellorar o estado dos pavimentos e ofrecer unhas condicións máis seguras e cómodas para os desprazamentos polas estradas provinciais de Cariño e Cedeira.

0.17743706703186