A eclipse solar do 12 de agosto contará cunha campaña de prevención en Ares

FerrolXa
O Concello de Ares difunde recomendacións para protexer a saúde visual, previr incendios e garantir unha xornada sen incidencias
eclipse-total-de-sol-recurso
4 Aug 2026

O Concello de Ares puxo en marcha unha campaña informativa para promover unha observación segura da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico que se prevé que atraia numerosos veciños e visitantes a distintos puntos do litoral.

A iniciativa pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de adoptar medidas de autoprotección para evitar riscos tanto para a saúde como para o medio natural. Entre as principais recomendacións figura o uso exclusivo de lentes homologadas que cumpran coa norma ISO 12312-2:2015, comprobando que sexan auténticas e estean en perfecto estado. O Concello lembra que as lentes de sol convencionais non ofrecen protección suficiente e que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen a protección axeitada.

Tamén advirte de que non se deben empregar teléfonos móbiles, cámaras fotográficas, prismáticos ou telescopios para observar a eclipse sen filtros solares específicos homologados, xa que poden provocar danos oculares graves.

A campaña fai un chamamento especial ás familias e ás persoas coidadoras para que supervisen en todo momento aos menores e ás persoas con discapacidade ou en situación de dependencia durante a observación do fenómeno.

Ademais das recomendacións sobre protección visual, o Concello lembra a importancia de utilizar crema solar, gorra e roupa adecuada para evitar os efectos da exposición prolongada ao sol.

No ámbito da prevención de incendios, solicítase non estacionar vehículos sobre vexetación seca nin en zonas non habilitadas, manter libres os accesos para os servizos de emerxencia e respectar a prohibición de facer lume ou abandonar residuos que poidan favorecer a aparición de incendios.

A campaña tamén inclúe consellos de seguridade viaria, como evitar o consumo de alcol se se vai conducir un vehículo ou unha embarcación e planificar os desprazamentos para minimizar retencións. Así mesmo, recoméndase manter baixo control os animais de compañía, xa que a diminución repentina da luminosidade pode alterar o seu comportamento.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar da eclipse con responsabilidade, seguindo as recomendacións de seguridade para que a xornada se desenvolva con total normalidade.

0.083304166793823