A escaseza de reservas de auga leva a Neda a pedir un consumo máis responsable

A situación de escaseza hídrica que atravesa a comarca levou ao Concello de Neda a facer un chamamento á responsabilidade cidadá para reducir o consumo de auga potable. O alcalde, Ángel Álvariño, asinou un bando no que solicita á veciñanza que adopte medidas de aforro co obxectivo de preservar unhas reservas hidráulicas que se atopan baixo mínimos debido á ausencia de choivas nas últimas semanas.
O rexedor pide que se eviten os consumos innecesarios, especialmente aqueles que se incrementan durante os meses de verán e que, nas actuais circunstancias, resultan insostibles.
Entre as recomendacións inclúese reducir ao máximo o rego de xardíns e zonas verdes utilizando auga da rede de abastecemento, así como evitar o enchido ou reposición de auga en piscinas particulares. O Concello tamén desaconsella lavar vehículos nos domicilios e baldear patios, terrazas, fachadas ou outros espazos exteriores con auga da traída.
Ademais destas medidas, o Goberno local anima á cidadanía a incorporar pequenos hábitos de aforro no día a día, como pechar a billa cando non sexa necesario que a auga siga correndo, reducir o tempo das duchas ou utilizar tanto a lavadora como o lavalouzas unicamente con carga completa.
Estas recomendacións forman parte dunha campaña informativa que o Concello vén difundindo nos últimos días co propósito de concienciar á poboación sobre a importancia de facer un uso responsable da auga mentres persista a situación de seca.
Desde o Concello lembran que a colaboración da veciñanza será fundamental para contribuír a garantir o abastecemento e minimizar o impacto da falta de precipitacións sobre os recursos hídricos da comarca.