A infancia da comarca do Eume volverá tomar a palabra nunha xornada polos seus dereitos en Cabanas

A infancia e a adolescencia da comarca do Eume serán as protagonistas este xoves, 19 de novembro, da segunda edición da xornada conmemorativa polo Día Universal dos Dereitos da Infancia. O encontro celebrarase a partir das 11.00 horas na Escola Laica de Cabanas baixo o lema 'Dereitos á acción', cun programa que combina música, participación, intervencións institucionais e exposicións do alumnado.
A iniciativa está impulsada pola Asociación EuroEume no marco do proceso participativo promovido pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG). O obxectivo é que nenos, nenas e adolescentes de entre 6 e 17 anos poidan reflexionar sobre o cumprimento dos seus dereitos, expresar as súas opinións e formular propostas a partir da Convención sobre os Dereitos da Infancia.
Nesta edición, o traballo centrouse en tres dereitos escollidos previamente polos propios participantes: o dereito á saúde, á igualdade e á non discriminación, e á protección fronte á violencia.
Tres centros educativos implicados
O proceso desenvólvese a través do programa 'Coidando-nós: Consellos Escolares da Infancia', integrado no Programa de Educación Social na Escola. Nel participan o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño, de Cabanas; o CEIP Plurilingüe de Andrade, de Pontedeume; e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero.
A proposta comezou no curso 2023-2024 e continúa medrando coa implicación dos centros educativos, que adaptan o traballo ás necesidades e aos contextos de cada comunidade escolar. Segundo explica EuroEume, os grupos participan por terceira vez neste proceso e asistirán por segundo ano consecutivo á xornada comarcal.
Música, propostas escolares e convivencia
O programa comezará ás 11.00 horas cunha apertura artística e musical a cargo de María Faltri, que desenvolverá ao longo do encontro a creación participativa 'A voz da infancia', baseada na música, o ritmo e a creación colectiva. Ás 11.15 horas terá lugar a benvida e presentación da xornada por parte da Asociación EuroEume, coa participación de Nerea Allegue, educadora social, e Beatriz Riaño, terapeuta ocupacional.
A continuación intervirán representantes políticos dos concellos da comarca e dos equipos dos tres centros educativos. Ás 11.45 horas, o alumnado presentará os traballos realizados nas escolas. A xornada incluirá tamén un peche musical, previsto para as 12.10 horas, e rematará cun petisco, un espazo de convivencia entre os centros e a saída dos participantes.
A través deste encontro, EuroEume busca reforzar a participación da infancia na vida colectiva e promover unha cidadanía activa, crítica e implicada nas transformacións sociais desde as propias escolas.