A infancia de Cedeira levará as súas reivindicacións ao Concello e ao Parlamento galego

As nenas, nenos e adolescentes de Cedeira serán os protagonistas da programación municipal polo Día Mundial da Infancia, que se desenvolverá os días 19 e 20 de novembro. O Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) Ondiñas na Vila tomará a palabra para reivindicar os seus dereitos e reclamar que as súas opinións sexan escoitadas e teñan presenza nas decisións que afectan á súa vida.
A primeira das actividades terá lugar o xoves 19 no Concello de Cedeira. Os integrantes de Ondiñas na Vila presentarán as súas reivindicacións coa lectura dun manifesto colectivo e a exhibición de pancartas elaboradas por eles mesmos. O texto recollerá as preocupacións que os grupos de Primaria e Secundaria abordaron nas últimas sesións de traballo.
Entre os asuntos escollidos figuran o dereito á vivenda, á saúde, á alimentación, á educación, ao xogo e á identidade, así como a protección fronte á explotación infantil. O manifesto defenderá a necesidade de garantir estes dereitos a todas as nenas, nenos e adolescentes, tanto en Cedeira como no resto do mundo. A lectura correrá a cargo de oito representantes do CEIP Nicolás del Río e do IES Punta Candieira.
O acto incluirá tamén o descubrimento dunha placa na praza do Concello que identificará Cedeira como Cidade Amiga da Infancia. O municipio recibiu este recoñecemento de UNICEF España en 2025, e a colocación da placa permitirá visibilizar o seu compromiso coa promoción dos dereitos da infancia e da adolescencia e coa participación activa da rapazada na vida local.
Este compromiso concrétase, entre outras iniciativas, no traballo do CLIA Ondiñas na Vila, un espazo no que os máis novos poden compartir preocupacións, debater, elaborar propostas e trasladar as súas opinións sobre cuestións que afectan á súa contorna.
Unha representación no Parlamento galego
A programación continuará o venres 20 de novembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Infancia, cunha actividade no Parlamento de Galicia na que participará unha representación de Ondiñas na Vila. Para esta xornada, o alumnado preparou diferentes achegas relacionadas cos dereitos da infancia e da adolescencia.
En concreto, o grupo de Secundaria do IES Punta Candieira traballou sobre o tema 'Coidado da contorna e futuro sostible'. A súa proposta céntrase no dereito das novas xeracións a medrar en ambientes saudables e na importancia de protexer o planeta para as xeracións presentes e futuras.
O Día Mundial da Infancia conmemórase cada 20 de novembro, coincidindo co aniversario da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1989.