A piques de abrir as súas portas tras un investimento de 420.000 euros para converterse no novo corazón social de Cerdido

FerrolXa
A renovada Casa da Cultura contará cun centro de maiores, un espazo de coworking, unha aula de formación e unha contorna adaptada con novos servizos para a veciñanza
CERDIDO casa cultura
5 Aug 2026

A Casa da Cultura de Cerdido xa está lista para iniciar unha nova etapa. O Concello vén de finalizar as obras de rehabilitación e modernización do edificio, unha actuación que supuxo un investimento de 419.155,08 euros e que permitirá dotar ao municipio dun espazo máis moderno, accesible e pensado para ampliar os servizos destinados á veciñanza.

O proxecto foi financiado con fondos do Instituto para a Transición Xusta no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e culmina cun edificio completamente renovado que será inaugurado nas próximas semanas.

A intervención permitiu reorganizar os espazos interiores para albergar novos servizos. Un dos máis destacados será o novo centro de maiores, que contará con zonas de descanso e espazos destinados á realización de obradoiros, actividades culturais e exercicio físico. Ademais, incorporará un sistema dixital de xestión e comunicación coas familias para mellorar a atención ás persoas usuarias.

Outra das grandes novidades será a creación dun espazo de coworking no primeiro andar, equipado con doce postos de traballo con medios informáticos. O Concello pretende que este novo servizo impulse o emprendemento no municipio, con especial atención aos proxectos promovidos por mulleres. As instalacións disporán tamén dunha zona común, office, servizo de reprografía, acceso automatizado e conexión wifi pública.

O edificio complétase cunha aula de formación situada no semisoto, equipada con medios tecnolóxicos para desenvolver cursos e accións formativas orientadas a mellorar a capacitación profesional e favorecer novas oportunidades laborais para a veciñanza.

As actuacións non se limitaron ao interior do inmoble. O Concello acometeu tamén a humanización da contorna da Casa da Cultura coa instalación de novo mobiliario urbano, arborado, iluminación e zonas de descanso. Ademais, incorporáronse servizos adaptados ás novas necesidades ambientais e tecnolóxicas, como un punto de recarga para vehículos eléctricos, un mini punto limpo, rede wifi pública e un panel informativo dixital.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, destacou que o edificio está chamado a converterse nun espazo de referencia para o municipio. Segundo sinalou, a renovada Casa da Cultura aspira a ser un punto de encontro interxeracional no que convivan actividades destinadas ás persoas maiores, iniciativas emprendedoras e propostas formativas, converténdose nun motor da vida social e económica local.

O rexedor avanzou tamén que o goberno municipal está a ultimar os preparativos para a inauguración oficial das instalacións, unha xornada na que a veciñanza poderá coñecer de primeira man todos os novos espazos e servizos que ofrecerá este edificio renovado.

0.078407049179077