A praia da Magdalena acollerá por primeira vez un torneo de tenis praia con tres categorías

A praia da Magdalena converterase os días 29 e 30 de agosto nun escenario deportivo coa celebración da primeira edición do Torneo Tenis Praia de Cabanas. A competición nace coa intención de achegar esta modalidade a participantes de diferentes idades e combinar deporte e praia nunha mesma proposta.
O torneo está organizado polo Concello de Cabanas en colaboración coa asociación Basti Beach Tenis e contará con categorías masculina, feminina e mixta. A competición desenvolverase ao longo de dúas xornadas e o formato garante que cada participante dispute polo menos dous partidos.
As inscricións poden realizarse a través da plataforma indicada pola organización. O prezo é de 18 euros para participar nunha categoría e de 28 euros para dúas categorías. A inscrición inclúe o seguro, o material necesario, os árbitros e a infraestrutura habilitada para a competición.
A iniciativa busca ofrecer unha alternativa deportiva nun dos principais areais de Cabanas durante o verán, ao tempo que permite aos participantes iniciarse ou continuar practicando unha disciplina que combina tenis, actividade física e ambiente de praia.
O Concello continúa así coa programación deportiva estival, despois da celebración doutras actividades como o torneo 3x3 de baloncesto, a Copa Kayak de Mar de piragüismo e a Regata de San Xoán de vela.
A axenda deportiva de Cabanas continuará nas próximas semanas con outras citas, entre elas o Trofeo Concello de Cabanas de fútbol e a V Regata Praia da Magdalena.