A primeira proba Nada + Corre reunirá deporte base e natación este sábado en Cariño

FerrolXa
A competición combinará percorridos na piscina municipal e carreiras polas rúas próximas, con cinco categorías para participantes de entre 2011 e 2020
CARIÑO piscina municipal
13 Nov 2026

A piscina municipal de Cariño será este sábado, 14 de novembro, o punto de partida da primeira edición da proba Nada + Corre, unha xornada deportiva que combinará natación e carreira a pé e que está dirixida ás categorías de base. A actividade comezará ás 10:30 horas e está organizada polo Concello, coa colaboración da Escola Municipal de Tríatlon, a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno e o Club Natación Cedeira.

A competición contará con cinco categorías: prebenxamín, para nados en 2019 e 2020; benxamín, para os de 2017 e 2018; alevín, para os de 2015 e 2016; infantil, para os de 2013 e 2014; e cadete, para os de 2011 e 2012. Cada grupo realizará unha distancia diferente tanto na piscina como no percorrido a pé.

Na modalidade de natación, as distancias irán dos 25 metros dos prebenxamíns aos 300 metros dos cadetes. As saídas están previstas de maneira escalonada: ás 10:40 horas para a primeira categoría, ás 10:50 para os benxamíns, ás 11:05 para os alevíns, ás 11:30 para os infantís e ás 12:05 para os cadetes.

A continuación, as persoas participantes afrontarán a carreira a pé polas rúas próximas á piscina municipal. Os percorridos serán de 200 metros para prebenxamíns, 400 para benxamíns, 800 para alevíns, 1.200 para infantís e 1.600 para cadetes. As saídas desenvolveranse entre as 12:30 e as 13:10 horas, tamén por categorías.

Cortes de tráfico durante a proba

O Concello informa de que a rúa incluída no percorrido permanecerá cortada ao tráfico entre as 12:00 e as 14:00 horas. Ademais, solicita á veciñanza que non estacione vehículos nese tramo durante ese intervalo para facilitar o desenvolvemento da competición e garantir a seguridade dos participantes.

A iniciativa busca ofrecer unha mañá de actividade deportiva para a rapazada e fomentar a práctica combinada da natación e a carreira. A organización anima a veciñanza a achegarse para apoiar os deportistas nesta primeira edición.

0.11305904388428