A rapazada de Moeche leva as súas propostas sobre participación infantil ao Parlamento de Galicia

FerrolXa
Catorce integrantes do grupo de participación Irmandiñ@s 23 asistiron ao foro organizado por Unicef con motivo do Día Mundial da Infancia, onde reivindicaron que as súas voces sexan escoitadas e valoradas
MOECHE nenos parlamento
21 Nov 2026

Unha representación de 14 nenos e nenas do Grupo de Participación Infantil Irmandiños 23 do Consello Local da Infancia de Moeche participou no Foro de Participación Infantil celebrado no Parlamento de Galicia con motivo do Día Mundial da Infancia. A xornada contou coa presenza da alcaldesa, Beatriz Bascoy, e da concelleira Cristina García.

O encontro, organizado anualmente por Unicef, reuniu representantes de diferentes concellos galegos que dispoñen de consellos locais da infancia para compartir o seu traballo e trasladar as súas opinións e propostas. Moeche participa nesta iniciativa desde hai varios anos.

A portavoz do Consello Local da Infancia de Moeche nesta edición foi Zeltia Pedreira, que estivo acompañada por Asier, Noel, Antía, Lia, Alexis, Estela, Gael, Efrén, Erin, Anxo, Héctor, Gabriel e André, así como pola técnica Tania Merelas.

Durante a súa intervención, Pedreira destacou a capacidade da mocidade para contribuír á mellora da comunidade e da convivencia. 'A xente nova ten creatividade e ideas que poden mellorar a nosa comunidade, favorecer a convivencia e axudar a construír o seu futuro', afirmou. Ademais, reivindicou que a participación infantil non se limite a dar voz aos menores, senón que as súas opinións sexan escoitadas, valoradas e teñan unha resposta.

O grupo Irmandiñ@s do 23 tamén presentou unha serie de propostas a Unicef Galicia relacionadas coa importancia dos orzamentos participativos, a rendición de contas e a participación como ferramenta para mellorar a comunidade.

Tras a xornada no Parlamento, os representantes de Moeche compartiron un xantar en Santiago coa rapazada do Consello Local da Infancia de Cedeira, concello co que realizaron o desprazamento en autobús compartido.

A programación do Día Mundial da Infancia continuará este luns coa celebración do pleno do Consello Local da Infancia e Adolescencia de Moeche, no que se aprobará a declaración institucional con motivo desta conmemoración.

0.18255281448364