A reciclaxe chega a medio cento de fogares en Neda coa entrega de bolsas reutilizables

O Concello de Neda repartiu entre a veciñanza arredor de medio cento de packs de bolsas reutilizables destinados a facilitar a separación dos residuos nos fogares e promover unha correcta reciclaxe doméstica. A iniciativa forma parte da campaña ambiental 'Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans', posta en marcha para sensibilizar á poboación sobre a importancia da clasificación dos residuos na súa orixe.
Os lotes, distribuídos desde a pasada semana, inclúen bolsas reutilizables identificadas por cores para depositar envases lixeiros de plástico, metal e bricks, papel e cartón e envases de vidro, facilitando tanto a súa separación nas vivendas como o seu posterior traslado aos contedores correspondentes.
A Biblioteca Municipal continuará entregando os últimos packs dispoñibles ata esgotar existencias. Xunto ás bolsas, as persoas beneficiarias reciben un folleto con recomendacións e boas prácticas para realizar unha correcta clasificación dos residuos, co obxectivo de reducir a presenza de 'impropios', é dicir, aqueles residuos que se depositan no colector incorrecto.
Con esta actuación, o Concello busca fomentar hábitos máis sostibles entre a veciñanza e incrementar a taxa de reciclaxe no municipio, incidindo na importancia da colaboración cidadá para mellorar a xestión dos residuos.
A campaña concluirá nas próximas semanas co envío a todos os fogares de Neda dun folleto divulgativo elaborado polo Concello, no que se recollen consellos prácticos para reducir a xeración de residuos, reutilizar materiais e reciclar correctamente.