A Rede de Concellos contra o Cancro suma unha nova adhesión na provincia da Coruña cun festival solidario en Cedeira

FerrolXa
O Auditorio acollerá este sábado, ás 20:00 horas, unha nova edición de 'Cedeira canta contra o cancro', con actuacións de artistas e grupos locais e entradas a cinco euros
CEDEIRA xenerica
4 Nov 2026

O pleno de Cedeira aprobou na súa última reunión a adhesión á Rede de Concellos contra o Cancro, unha iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na provincia da Coruña que busca crear unha estrutura estable de cooperación entre a entidade e as administracións locais, co apoio da Deputación.

A incorporación á rede supón un novo paso no compromiso do Goberno municipal coa asociación e, en particular, coa xunta local que desenvolve a súa actividade en Cedeira. O Concello comprométese así a promover iniciativas relacionadas coa prevención da enfermidade, o acompañamento a pacientes e familiares e a participación solidaria da cidadanía.

Entre os obxectivos desta adhesión están o fomento de espazos libres de fume, o impulso da colaboración veciñal, a difusión das actividades da asociación e a cooperación para garantir a continuidade e mellora dos seus programas. Tamén se busca facilitar que toda a veciñanza poida acceder aos recursos e servizos da entidade.

Guadi Galego encabeza o cartel do festival solidario

A próxima cita organizada pola xunta local da AECC será este sábado, 7 de novembro, coa celebración dunha nova edición do festival «Cedeira canta contra o cancro». O evento terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio e contará coa participación de diferentes artistas e grupos da localidade, encabezados pola cantante Guadi Galego.

Xunto a ela, subirán ao escenario as Cantareiras de Buxainas e os grupos O Chilava, Los Eternos, Seavil, Mark Singleton e Os Benignos. A programación completarase cun grupo de improvisación formado por integrantes da Escola de Música.

As entradas terán un prezo de cinco euros e toda a recadación destinarase á loita contra o cancro.

Cedeira, referente na colaboración coa AECC

Cómpre lembrar que Cedeira foi en 2024 un dos tres concellos da provincia da Coruña que participou na experiencia piloto para poñer en marcha un Club de Saúde impulsado pola AECC. Trátase dunha iniciativa de intervención sociocomunitaria especialmente dirixida ás contornas rurais, que continúa activa e funciona como un recurso de referencia para pacientes e familiares.

Ao longo do ano, a xunta local da asociación organiza diferentes actividades coa colaboración do Concello. Entre elas destacan a cadea humana que se celebra cada verán e a marcha popular contra o cancro, dúas citas que buscan fomentar a sensibilización e a participación da cidadanía.

0.83154702186584