A reestruturación da Unidade de Reparto 1 de Correos en Ferrol chega á Inspección de Traballo

FerrolXa
A CIG denuncia que a empresa non facilitou a documentación que xustifica a redución de persoal e a reorganización do servizo
cartero-correos
5 Aug 2026

A reestruturación da Unidade de Reparto 1 de Correos en Ferrol será analizada pola Inspección de Traballo tras a denuncia presentada pola CIG, que solicita que se investigue o proceso de reorganización do servizo e que se requira á empresa a documentación técnica na que se basea a redución de persoal.

Segundo explica a central sindical, Correos negou inicialmente que existise un proceso de reestruturación da unidade. Con todo, a CIG asegura que documentación elaborada pola propia empresa recolle a existencia dun estudo de dimensionamento aprobado polo Centro Directivo, do que derivan a reorganización das seccións de reparto, a definición do cadro de persoal e a implantación dun novo modelo organizativo.

O sindicato sostén tamén que foi convocado a unha reunión para coñecer a reorganización cando, segundo afirma, as decisións xa estaban adoptadas. Nese mesmo día, indica, comunicouse ao persoal o novo rueiro, abriuse o proceso para elixir as novas zonas de reparto e fixouse a implantación do novo sistema para o pasado 23 de xullo.

A CIG denuncia que, malia solicitar en varias ocasións o estudo de dimensionamento e a documentación que sustenta a reorganización, Correos non facilitou esa información, o que, ao seu xuízo, impide á representación sindical analizar os criterios empregados e exercer as funcións de control e información que lle recoñece a lexislación laboral.

Por este motivo, o sindicato pide á Inspección de Traballo que requira o expediente completo do proceso e determine se a empresa respectou os dereitos de información, consulta e participación da representación das persoas traballadoras.

0.094151973724365