A renovación das beirarrúas da avenida de Tarrío continúa e sumarase nova arborado para gañar zonas de sombra

O Concello de Fene continúa coa execución das obras de mellora das beirarrúas da avenida de Tarrío, na parroquia de Perlío, unha actuación coa que pretende reforzar a accesibilidade, incrementar a seguridade peonil e modernizar un dos principais viais do municipio.
Os traballos inclúen a renovación dos pavimentos e a reorganización do espazo destinado aos peóns para facilitar os desprazamentos diarios e eliminar obstáculos, especialmente para persoas con mobilidade reducida, maiores e familias con carriños infantís.
A intervención completarase coa plantación de varios exemplares de acacia ao longo da avenida. O novo arborado permitirá incrementar as zonas de sombra, contribuíndo a facer este espazo máis confortable durante os meses de maior calor e mellorando a integración ambiental da contorna.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, sinalou que esta actuación forma parte da aposta do goberno local por crear espazos públicos máis accesibles, seguros e agradables para a veciñanza. Segundo indicou, a combinación da renovación das beirarrúas coa incorporación de arborado responde a un modelo de municipio no que se busca gañar espazos para as persoas e avanzar cara a unha contorna urbana de maior calidade.
O Concello tamén anunciou que este plan de mellora non se limitará á avenida de Tarrío. O obxectivo é estender progresivamente actuacións semellantes a outras parroquias do municipio, intervindo nos puntos que presenten maiores necesidades de conservación, accesibilidade ou seguridade.
Estas actuacións enmárcanse no programa municipal de mantemento e conservación dos espazos públicos, que contempla a renovación de infraestruturas, a eliminación de barreiras arquitectónicas e o incremento das zonas verdes para avanzar cara a un Fene máis accesible, sostible e adaptado ás necesidades da cidadanía.