A renovación do pavillón municipal de Cariño mellora a seguridade e as condicións para a práctica deportiva

O pavillón polideportivo municipal de Cariño estrea unha profunda renovación tras unhas obras que supuxeron un investimento superior aos 237.000 euros, dos que a Xunta de Galicia achegou preto de 190.000 euros, o 80 % do orzamento, a través dun convenio co Concello.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as instalacións para comprobar o resultado dunha actuación que permitiu modernizar un dos principais espazos deportivos do municipio e solucionar os problemas estruturais que viña sufrindo o edificio.
A intervención comezou coa renovación integral da cuberta, substituíndo a antiga cuberta de fibrocemento con amianto por un novo sistema de paneis sándwich con illamento térmico e acústico. Tamén se instalaron placas translúcidas de policarbonato para favorecer a entrada de luz natural, renováronse os petos laterais, a súa estrutura metálica, os canalóns e as baixantes. En total actuouse sobre máis de 1.300 metros cadrados de cuberta, 350 metros cadrados de peches laterais, 115 metros de canalóns e preto de 70 metros de baixantes.
Outra das actuacións máis importantes foi a renovación completa da pista deportiva. Retirouse a antiga tarima de madeira, deteriorada polas filtracións de auga, e instalouse un novo pavimento deportivo vinílico de 1.050 metros cadrados, máis resistente e adaptado ás esixencias das diferentes federacións deportivas. Ademais, pintáronse as pistas para fútbol sala, baloncesto, balonmán, tenis, bádminton e baloncesto 3x3 e colocáronse novas porterías homologadas.
Os traballos incluíron tamén a rehabilitación do interior do pavillón, coa reparación das paredes afectadas polas humidades, o pintado das instalacións e a mellora das duchas, incrementando as condicións de conservación, funcionalidade e hixiene.
No apartado de seguridade executáronse importantes melloras coa instalación de novas portas cortalumes con barras antipánico, a apertura de novas saídas de evacuación e a colocación de luminarias de emerxencia adaptadas á normativa vixente. Tamén se substituíu o portalón de acceso de vehículos por unha nova porta motorizada e impermeabilizáronse preto de 100 metros cadrados das fachadas para evitar futuras filtracións.
Durante a visita, Diego Calvo destacou que este investimento forma parte do compromiso da Xunta coa mellora das instalacións deportivas municipais para ofrecer espazos máis seguros, modernos e confortables á cidadanía. O pavillón acolle a práctica de disciplinas como balonmán, baloncesto, fútbol sala, hóckey sobre patíns, voleibol, escalada ou tenis e tamén é utilizado polo alumnado do CEIP de Cariño para as clases de Educación Física.