A rúa Real de Ferrol estreará iluminación LED e novo mobiliario urbano

A rúa Real de Ferrol prepara unha renovación que afectará tanto á iluminación como ao mobiliario urbano. O Concello aprobou o Plan de Seguridade e Saúde das obras incluídas no proxecto de actualización deste espazo, unha actuación cun investimento de 318.695,84 euros e cun prazo de execución previsto de tres meses.
Un dos principais cambios será a substitución das actuais luminarias por equipos LED de 57,6 W de potencia unitaria. A intervención manterá os 17 puntos de luz existentes, situados sobre soportes nas fachadas, polo que non será necesario incorporar novos elementos ás beirarrúas.
Segundo os datos facilitados polo Concello, a renovación permitirá reducir a potencia instalada ata os 0,97 kW e acadar un aforro enerxético do 85,73 por cento respecto da instalación actual. A actuación tamén pretende mellorar a calidade da iluminación e reducir o impacto ambiental asociado ao consumo eléctrico.
O proxecto inclúe ademais o soterramento dos cruces aéreos das instalacións existentes. Con esta intervención desaparecerá parte do cableado visible na rúa, unha actuación que busca mellorar a imaxe urbana deste ámbito.
A renovación chegará tamén ao mobiliario. Está prevista a instalación de novos bancos de deseño ergonómico, maceteiros e xardineiras, así como carteis de benvida ao barrio e puntos específicos para a recollida de excrementos de cans. Todos estes elementos serán desmontables e colocaranse de forma que non interrompan os percorridos peonís.
A accesibilidade é outro dos aspectos contemplados no proxecto, que establece que o novo equipamento deberá situarse sen obstaculizar os itinerarios destinados aos peóns. Deste xeito, a intervención combinará a mellora estética da rúa con cambios orientados ao seu uso diario.
A actuación forma parte do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para impulsar diferentes intervencións de transformación urbana nos barrios da cidade.