A seca obriga a Neda a activar un plan de choque para garantir o subministro de auga

A situación de seca que atravesa Ferrolterra e os problemas rexistrados nas últimas horas co abastecemento levaron á activación dun plan de choque para garantir o subministro de auga potable a curto prazo en Neda. Unha avaría eléctrica interrompeu onte o bombeo cara ao depósito municipal e deixou sen auga a distintas zonas do municipio, o que provocou unha reunión de urxencia entre o Concello e Veolia.
Entre as medidas inmediatas estará a activación dunha segunda conexión directa con Narón, que permitirá incrementar o volume de auga procedente do municipio veciño. As tubaxes necesarias para esta conexión foron instaladas aproveitando as obras da glorieta de Xuvia. Tamén se impulsará a conexión coa traída de Fene a través de Gunduriz, unha actuación que está pendente dos últimos remates.
Como reforzo, utilizaranse camións cisterna para completar o enchido do depósito alto, mentres o río Belelle se mantén baixo mínimos. Estas medidas pretenden dar resposta á situación actual mentres se agarda pola execución das obras destinadas a aumentar a capacidade de almacenamento, entre elas a rehabilitación do segundo depósito dos Pazos, actualmente en fase de licitación.
O Concello fai un chamamento á veciñanza para reducir o consumo de auga, especialmente nos usos non esenciais que poden disparar a demanda durante o verán, como o enchido de piscinas ou os baldeos.
Se a situación de seca persiste tanto en Neda como no resto da comarca, poderían ser necesarias restricións no consumo. Ademais, o Concello e Veolia xa barallan habilitar un sistema alternativo de abastecemento mediante camións cisterna situados en diferentes puntos do municipio e, se fose necesario, establecer unha distribución a domicilio para as persoas que, pola súa idade ou circunstancias, non poidan desprazarse ata estes puntos.