A solidariedade de Ares recibe a 'Bandera da Paz' polo labor desenvolvido durante máis dunha década

FerrolXa
A Fundación Mil Milenios de Paz recoñece o traballo de Ares Solidario e a implicación da veciñanza en numerosas iniciativas benéficas
ARES pola paz
31 Jul 2026

O compromiso solidario da veciñanza de Ares recibiu un novo recoñecemento coa entrega da 'Bandera da Paz' ao colectivo Ares Solidario, unha distinción concedida pola Fundación Mil Milenios de Paz para destacar a súa traxectoria de máis dunha década impulsando iniciativas benéficas e comunitarias no municipio.

O acto celebrouse no salón de plenos do Concello de Ares e contou coa participación de integrantes de Ares Solidario, do alcalde, Julio Ignacio Iglesias Redondo; da concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, e do embaixador da Fundación Mil Milenios de Paz, Ángel Corbalán, ademais de representantes de distintas entidades locais que colaboraron nas accións desenvolvidas polo colectivo.

Tras recibir a distinción, os membros de Ares Solidario decidiron entregar simbolicamente a bandeira ao Concello para a súa custodia, entendendo que este recoñecemento pertence a toda a veciñanza de Ares polo seu compromiso constante coas causas solidarias.

A Fundación Mil Milenios de Paz, creada como movemento internacional en 1995 e convertida posteriormente en fundación, promove en distintos países iniciativas vinculadas á cultura da paz, a solidariedade, a educación e a cooperación, recoñecendo o labor de persoas, entidades e institucións que contribúen á construción dunha sociedade máis comprometida. Entre as súas distincións figura precisamente a 'Bandera da Paz', inspirada no símbolo creado por Nicholas Roerich e utilizada como emblema da promoción da cultura de paz.

No caso de Ares, a fundación quixo poñer en valor o traballo desenvolvido por Ares Solidario ao longo dos últimos anos. Iniciativas como a Noite Branca Solidaria, a Feira Rocieira Solidaria, as Chocolatadas Solidarias ou o Magosto Solidario permitiron recadar fondos para entidades como Cáritas, a Asociación Española Contra o Cancro ou campañas solidarias como 'Unha cura para Adri', mobilizando centos de veciños e veciñas arredor de diferentes causas sociais.

Desde o Concello destacaron que a distinción recoñece non só o labor do colectivo, senón tamén a capacidade da vila para implicarse de forma colectiva en proxectos altruístas, convertendo a solidariedade nun dos sinais de identidade do municipio.

0.10279107093811