A TDT mellorará o seu sinal en 26 núcleos de Valdoviño con novas actuacións nos centros emisores

A sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT) mellorará nas próximas semanas en diferentes puntos de Valdoviño grazas ás actuacións que a Oficina da Televisión Dixital en Galicia está levando a cabo nos centros emisores do municipio.
Este mércores, 9 de setembro, está previsto que se realicen intervencións nos centros de Donelle, na parroquia de Loira, e Lavacerido, en Meirás. As actuacións forman parte do plan destinado a optimizar a cobertura da televisión dixital e beneficiarán a 26 entidades de poboación das parroquias de Lago, Loira, Meirás, Pantín, Valdoviño e Vilaboa.
Entre as zonas que recibirán a mellora a través do centro emisor de Donelle están A Lóngara, Castido e O Vilar de Lago, así como diferentes núcleos de Loira e Pantín. Tamén se verán beneficiadas localidades como A Cachaveira, A Costeira e O Portodoso, na parroquia de Valdoviño, e A Igrexa, en Vilaboa.
No caso do centro emisor de Lavacerido, a actuación permitirá mellorar a recepción da TDT en diferentes puntos da parroquia de Meirás, entre eles Cubeta, A Igrexa e o propio Lavacerido.
Será necesario buscar de novo as canles
As actuacións técnicas terán unha consecuencia para as persoas usuarias que reciban o sinal a través destes dous centros. A partir do 5 de novembro, coincidindo co inicio da primeira fase do plan, deberán realizar unha nova procura de canles no receptor de TDT para poder acceder á nova configuración.
No caso dos edificios ou urbanizacións que dispoñan dunha instalación colectiva de antena, tamén poderá ser necesario realizar axustes no equipamento para garantir que o sinal se recibe correctamente en todas as vivendas.
A Oficina da Televisión Dixital en Galicia recomenda prestar atención a estes cambios para evitar problemas na recepción das canles unha vez se active a nova configuración.