A tensión laboral aumenta en Cariño cunha nova protesta pola RPT e a crise do Servizo de Axuda no Fogar

FerrolXa
O persoal municipal concentrarase esta tarde coincidindo co pleno no que se debaterá unha moción para desbloquear a negociación da Relación de Postos de Traballo e a situación do SAF
CARIÑO casa concello
6 Aug 2026

O conflito laboral no Concello de Cariño continúa sen solución. O persoal municipal volverá mobilizarse este xoves, 6 de agosto, cunha concentración convocada para as 19.45 horas diante da Casa Consistorial, coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se abordará unha moción de urxencia centrada na paralización da Relación de Postos de Traballo (RPT) e na situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A iniciativa foi presentada polos grupos municipais do BNG e do PSOE, xunto coa Asociación Veciñal do Concello de Cariño e coa representación sindical da CIG e CCOO. Os promotores denuncian a falta de avances na negociación da RPT e lembran que existen resolucións xudiciais que obrigan ao Concello a negociar e aprobar este documento.

Segundo explica a representación da CIG, a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma a obriga de negociar e aprobar a RPT e advirte da posible imposición de multas persoais ou incluso da vía penal en caso de incumprimento. Con todo, aseguran que a última reunión da mesa de negociación tivo lugar o pasado 8 de xuño e que desde entón non se convocou unha nova sesión.

Na moción tamén se critica que naquela reunión non se entregou a documentación solicitada polos representantes dos traballadores e que o equipo de goberno mantén unha proposta que reduce o número de postos incluídos na futura RPT, eliminando prazas que consideran necesarias para garantir o funcionamento dos servizos municipais.

Outro dos puntos centrais do debate será a situación do Servizo de Axuda no Fogar. Segundo denuncian os convocantes, actualmente só tres das doce traballadoras do servizo están prestando atención, o que provoca que haxa persoas usuarias que quedan sen asistencia diaria.

Os sindicatos lembran que o conflito no SAF se agravou tras a modificación unilateral dos horarios aprobada pola Alcaldía sen negociación previa, unha decisión que derivou en sentenzas xudiciais que condenaron ao Concello ao pagamento de indemnizacións por vulneración de dereitos fundamentais das traballadoras.

A moción que se someterá a debate propón retomar de inmediato as negociacións tanto da RPT como da reorganización do SAF e solicita recorrer a un proceso de mediación externa a través do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) para tentar desbloquear ambas negociacións. Os promotores consideran que esta vía podería facilitar un acordo que mellore tanto as condicións laborais do persoal como a atención ás persoas usuarias do servizo.

0.10909485816956