A Volta á Ría celebra os seus 40 anos cunha media maratón que percorrerá catro concellos de Ferrolterra

FerrolXa
O Memorial Adolfo Ros celebrará a súa XL edición o 13 de decembro con saída e meta en San Valentín, en Fene, un percorrido de 21 quilómetros e carreiras gratuítas para as categorías infantís
FENE a volta a ria
27 Nov 2026

A Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros celebrará o vindeiro domingo 13 de decembro unha edición moi especial: a número 40 dunha das citas máis veteranas do atletismo popular de Ferrolterra. A proba reunirá corredores de diferentes procedencias nun percorrido de aproximadamente 21 quilómetros que atravesará Fene, Ferrol, Narón e Neda, con saída e chegada na avenida do Mar de San Valentín, en Fene.

A carreira está organizada conxuntamente polos catro municipios, aínda que este ano será Fene o encargado de liderar os preparativos. Na presentación desta edición participaron a concelleira de Deportes de Fene, Alba García; os responsables desta área en Narón, Ibán Santalla; Ferrol, Ricardo Aldrey; e Neda, Ángeles Puentes, ademais do delegado da Federación Galega de Atletismo en Ferrol, Paulino Cartelle.

A proba alcanza catro décadas de traxectoria como exemplo de colaboración entre os municipios da ría e como unha convocatoria que combina competición, participación popular e inclusión. O seu nome lembra a Adolfo Ros, falecido en agosto de 1985 na praia de Doniños despois de lanzarse ao mar para intentar rescatar varios nenos que estaban a ser arrastrados polas correntes.

A concelleira fenesa Alba García destacou o significado desta edición, que considera unha oportunidade para poñer en valor o vínculo deportivo entre os municipios e fomentar hábitos de vida saudables. Tamén salientou a importancia da colaboración institucional, das entidades deportivas e do voluntariado para manter unha cita que forma parte do calendario deportivo da comarca.

Un percorrido de 21 quilómetros arredor da ría

A carreira absoluta comezará ás 10:00 horas na avenida do Mar de San Valentín, xunto ao pavillón polideportivo A Xunqueira. Os participantes deberán completar un trazado asfaltado duns 21 quilómetros, equivalente á distancia dunha media maratón, aínda que non está homologado. O percorrido pasará polos termos municipais de Fene, Ferrol, Narón e Neda antes de regresar ao punto de partida.

A competición está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e está aberta tanto a atletas federados como non federados. Establécense sete categorías absolutas por idade: Sub 20, Sub 23, Sénior e Máster A, B, C e D. A organización tamén contempla modalidades específicas para deportistas en cadeira de rodas, handbike e persoas con discapacidade visual.

Ao longo do percorrido haberá puntos de avituallamento aproximadamente nos quilómetros 5, 10, 15 e 20, ademais de distintos controis. Os tempos rexistraranse mediante un chip integrado no dorsal, con medicións na saída, no quilómetro 10 e na meta.

O dispositivo organizativo contará coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, as policías locais e as agrupacións de Protección Civil dos catro municipios, ademais de entidades deportivas e persoal voluntario. Entre as organizacións colaboradoras figura AEFAT, a asociación que agrupa as familias afectadas pola ataxia telanxiectasia en España.

Carreiras infantís gratuítas

A xornada tamén terá protagonismo para os máis pequenos, con diferentes probas adaptadas ás idades dos participantes que se celebrarán en San Valentín, compartindo a zona de saída e chegada da carreira absoluta. As competicións infantís comezarán apenas cinco minutos despois do inicio da media maratón.

O programa arrancará ás 10:05 horas coas categorías Sub 18 e Sub 16, que percorrerán 2.000 metros. Ás 10:20 será a quenda de Sub 14 e Sub 12, con 1.000 metros; ás 10:35 competirán os Sub 10, sobre 500 metros; e ás 10:45 farano os Sub 8, cunha distancia de 250 metros. A última proba será a categoría Peques, para nenos e nenas nados en 2021 e 2022, que correrán 50 metros a partir das 10:55 horas.

A participación en todas estas categorías será gratuíta, unha fórmula coa que a organización busca facilitar o acceso ao atletismo desde idades temperás e manter o carácter aberto e interxeracional da convocatoria.

Inscricións ata o 9 de decembro

As inscricións para a proba poden realizarse a través da web  ata as 23:59 horas do 9 de decembro. A cota para a carreira absoluta é de sete euros, mentres que as categorías infantís non terán custo. A organización contabiliza xa máis de 300 participantes inscritos nas diferentes modalidades.

A recollida de dorsais e chips terá lugar no pavillón polideportivo A Xunqueira. Poderán retirarse o venres 11 de decembro, de 12:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30 horas; o sábado 12, de 9:00 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 horas; e o domingo 13, de 8:00 a 9:30 horas. As instalacións tamén disporán de duchas e servizo de gardarroupa para os corredores.

A entrega de premios está prevista para as 13:00 horas do domingo no mesmo pavillón. Haberá trofeos para os gañadores da clasificación absoluta e para as tres primeiras persoas de cada categoría, tanto masculina como feminina. Tamén se recoñecerá os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres da clasificación xeral que residan nalgún dos catro municipios organizadores: Fene, Ferrol, Narón ou Neda.

0.13035297393799