A Volta Ciclista a Meirás regresa este domingo con a súa 32ª edición

FerrolXa
A marcha cicloturística partirá ás 10.00 horas do local social da AVV de Meirás e estará aberta tanto á rapazada como ao público adulto
VALDOVIÑO volta ciclista meiras
20 Aug 2026

A parroquia de Meirás, en Valdoviño, recupera este domingo, 23 de agosto, un dos seus clásicos do verán coa celebración da 32ª Volta Ciclista a Meirás. A marcha cicloturística, organizada pola Asociación de Veciños de Meirás, reunirá a participantes de diferentes idades nun percorrido en bicicleta por boa parte da parroquia.

A saída está prevista para as 10.00 horas desde a contorna do local social da AVV de Meirás, punto no que tamén finalizará a ruta despois de percorrer diferentes zonas da parroquia.

A actividade está aberta tanto á rapazada como ao público adulto, polo que a organización anima a veciñanza e ás persoas afeccionadas á bicicleta a participar nesta cita tradicional do calendario estival de Meirás.

Inscricións o sábado e o domingo

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición este sábado, 22 de agosto, entre as 20.00 e as 21.00 horas, no local social da Asociación de Veciños de Meirás. Tamén será posible inscribirse o propio domingo, desde as 9.00 horas, unha hora antes do comezo da marcha.

A organización entregará ademais diferentes trofeos, entre eles un para a persoa participante máis nova, outro para a máis veterana e un terceiro para o participante máis orixinal.

Dispositivo de seguridade

A celebración contará cun dispositivo especial para garantir o normal desenvolvemento da marcha e a seguridade dos participantes. Nel colaborarán a Policía Local de Valdoviño e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

A actividade está organizada pola AVV Meirás, coa colaboración da Cooperativa de Meirás, a Comisión de Festas de Meirás, o Concello de Valdoviño, Protección Civil e a Policía Local. A organización lembra ademais que o uso do casco será obrigatorio durante a marcha.

0.099548101425171