A Xunta activa a seguinte fase para renovar 61 paradas de autobús en sete concellos de Ferrolterra

FerrolXa
O proxecto supera os 1,8 millóns de euros e contempla novas marquesiñas, melloras de accesibilidade e itinerarios peonís en A Capela, As Somozas, As Pontes, Cedeira, Narón, Ortigueira e Valdoviño
BUS xenerica
1 Sep 2026

A mellora da rede de transporte público por estrada no norte da provincia entra nunha fase decisiva. A Xunta de Galicia iniciou os trámites administrativos para a ocupación dos terreos necesarios que permitirán remodelar 61 paradas de autobús repartidas por sete concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O proxecto, que conta cun orzamento superior aos 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses, contempla unha intervención integral nas estradas de titularidade autonómica, vías clave nas rutas de acceso cara á cidade de Ferrol.

Unha actuación repartida en sete concellos

Aínda que a medida beneficia o conxunto da comarca, o reparto das obras concentrarase de forma notable no municipio de Narón, onde se reacondicionarán 41 das 61 paradas incluídas no plan. O resto das actuacións distribuirase entre Valdoviño, que sumará oito paradas renovadas, Cedeira, As Pontes e Ortigueira, con tres intervencións en cada caso, ademais de As Somozas, con dúas, e A Capela, cunha.

Para levar a cabo os traballos, a administración autonómica debe actuar sobre 23 fincas que suman preto de 490 metros cadrados de superficie. Tras completar o proceso de información pública e aprobación provisional, o proxecto avanza agora coa convocatoria dos propietarios afectados para o levantamento das actas previas á ocupación, paso indispensable para iniciar a licitación e posterior execución das obras.

Instalacións máis seguras e accesibles

A actuación non se limitará á colocación de novas marquesiñas, que seguirán os estándares da Dirección Xeral de Mobilidade, senón que contempla unha transformación profunda das contornas. Entre as principais novidades destacan o acondicionamento dos espazos onde estacionan os vehículos e a mellora das cuñas de entrada e saída para non entorpecer o tráfico.

Así mesmo, acondicionaranse as sendas peonís da contorna mediante a adaptación de beirarrúas e a colocación de pavimentos diferenciados, garantindo itinerarios seguros para persoas con mobilidade reducida ou discapacidade visual. O plan complétase cun reforzo da iluminación e da sinalización viaria para aumentar a visibilidade dos puntos de subida e baixada de viaxeiros.

Esta remodelación comarcal enmárcase nun plan autonómico máis amplo, dotado con arredor de 35 millóns de euros, co que a Xunta prevé actuar sobre 1.100 paradas de autobús en toda Galicia para adaptar as infraestruturas aos actuais estándares de seguridade e accesibilidade.

0.073516130447388