A Xunta Electoral apercibe ao alcalde de Cabanas por unha segunda denuncia do BNG sobre publicidade institucional

A Xunta Electoral de Zona de Ferrol estimou por unanimidade unha segunda denuncia do BNG de Cabanas contra a difusión de publicidade institucional durante o período electoral. Segundo recolle a resolución, a publicación municipal sobre o peche das contas de 2025 vulnera o artigo 50.2 da Lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREG), ao presentar datos económicos como o superávit orzamentario e o remanente de tesouraría cun enfoque que o organismo considera triunfalista e orientado a destacar os logros de xestión do goberno local.
A Xunta Electoral ordena a retirada inmediata e definitiva destes contidos e advirte expresamente ao alcalde, Fernando Couce, de que unha nova reincidencia podería dar lugar á apertura dun procedemento sancionador. A resolución sinala, ademais, que o Concello desatendeu o requirimento de abstención que xa recibira o pasado mes de outubro.
Esta é a segunda ocasión na que o BNG consegue que prospere unha denuncia destas características. A mediados de outubro, a formación nacionalista xa acudira á Xunta Electoral por outras comunicacións municipais que, ao seu xuízo, incumprían o deber de neutralidade institucional durante a convocatoria das eleccións xerais do 29 de novembro. Naquela ocasión, o organismo electoral tamén ordenou retirar os contidos denunciados e deter a súa difusión nas pantallas informativas municipais.
O BNG cuestiona a situación das contas municipais
Máis alá da resolución electoral, o BNG contrapón o balance económico difundido polo goberno local co que considera unha situación orzamentaria preocupante. A formación asegura que o alcalde convocou un pleno extraordinario para esta semana no que se abordarán dous expedientes de modificación orzamentaria, mediante suplementos de crédito e créditos extraordinarios, por un importe conxunto superior aos 308.000 euros.
Segundo explica o grupo nacionalista, estas modificacións financiaríanse con cargo ao remanente de tesouraría e a maiores ingresos e terían como finalidade cubrir os salarios do persoal municipal. O BNG sostén que o orzamento vixente non dispón de crédito suficiente para afrontar as nóminas e as cotizacións á Seguridade Social das traballadoras municipais ata final de ano.
O voceiro municipal da formación, Iago Varela, considera que esta situación contradí a mensaxe de boa xestión e aforro difundida polo goberno local. «Mentres o goberno presume na súa propaganda de boa xestión e aforro, a realidade é que o orzamento municipal en vigor non chega nin para pagar os salarios e a Seguridade Social das traballadoras municipais até final de ano, o que obriga a ter que recorrer ao remanente de maneira urxente», afirma.
O BNG considera «lamentable» que o goberno municipal recibise xa dúas resolucións contrarias ás súas comunicacións institucionais e reclama ao alcalde que deixe de reincidir e respecte a neutralidade esixida ás administracións públicas durante o período electoral.
A formación nacionalista advirte de que a nova resolución supón un apercibimento expreso ao rexedor e lembra que a Xunta Electoral contempla a apertura dun procedemento sancionador se volve producirse unha infracción deste tipo.