A Xunta Electoral ordena retirar publicacións do Concello de Cabanas por vulnerar a neutralidade institucional

FerrolXa
O órgano electoral estima por unanimidade a denuncia dos nacionalistas contra o Concello e o alcalde, Fernando Couce, pola difusión de logros de xestión durante o período electoral
BNG-Cabanascontidos-institucionais-denunciados
13 Oct 2026

A Xunta Electoral de Zona (JEZ) de Ferrol estimou esta mañá por unanimidade a denuncia presentada polo BNG de Cabanas contra o Concello e o seu alcalde, Fernando Couce, ao considerar que varias publicacións e actuacións institucionais difundidas nos últimos días vulneran o artigo 50.2 da Lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREG).

A resolución sinala que se utilizaron recursos públicos municipais para divulgar contidos relacionados con realizacións e logros de xestión durante o período electoral das eleccións xerais. Por este motivo, o órgano electoral requiriu ao Concello e ao rexedor que retiren de maneira inmediata as publicacións denunciadas de todas as canles oficiais e redes sociais municipais.

A orde tamén inclúe o cesamento da difusión destes contidos promocionais nas pantallas informativas instaladas na vía pública, así como a súa retirada destes soportes.

O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, subliñou que "a neutralidade das institucións públicas non é unha opción, senón un deber legal e un principio democrático básico que todos os gobernos deben respectar".

Varela incidiu tamén en que "as canles oficiais de comunicación, as listas de difusión municipais e os soportes informativos da rúa deben estar exclusivamente ao servizo da información veciñal e non da promoción da xestión do goberno en período electoral".

Desde a formación nacionalista lembran que a normativa electoral prohibe expresamente os actos e as comunicacións financiados con fondos públicos que destaquen logros ou actuacións da Administración durante o período electoral.

Por último, o portavoz do BNG reclamou ao executivo local que cumpra de inmediato a resolución da Xunta Electoral. "Desde o BNG esiximos ao goberno municipal o cumprimento íntegro e inmediato do requirimento da Xunta Electoral e instamos ao alcalde a actuar coa máxima responsabilidade e respecto á neutralidade institucional que corresponde a un goberno democrático", concluíu Iago Varela.

0.15768194198608