A Xunta licita por 182.593 euros a reforma da cuarta planta do centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol

FerrolXa
A actuación permitirá reorganizar e ampliar os espazos asistenciais, mellorar as consultas de pediatría e enfermaría pediátrica e renovar distintas dependencias; as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 17 de decembro
FERROL ambulatorio fontenla maristany
27 Nov 2026

A Xunta sacou a licitación as obras de rehabilitación parcial da cuarta planta do centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol por un importe de 182.593,96 euros. A intervención permitirá acondicionar novas dependencias para uso asistencial e reorganizar os espazos existentes co obxectivo de adaptar o edificio ás necesidades actuais do centro.

O proxecto contempla melloras nas consultas de pediatría e enfermaría pediátrica, así como nos despachos de farmacia, na sala de espera e nos aseos. Para levar a cabo esta actuación será necesario redistribuír as estancias, renovar os acabados interiores e adecuar as instalacións afectadas pola reforma.

Segundo a Consellería de Sanidade, os traballos permitirán aproveitar mellor a superficie dispoñible, incrementar a capacidade funcional da planta e mellorar a organización da actividade asistencial. A intervención tamén busca adecuar os espazos ás condicións de seguridade, accesibilidade e eficiencia enerxética esixidas pola normativa vixente.

O prazo máximo previsto para executar as obras é de tres meses. As empresas interesadas en concorrer á licitación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de decembro ás 14:00 horas, segundo a convocatoria publicada no Portal de Contratos Públicos de Galicia.

0.12406587600708