Aberto o prazo de inscripción para as 100 prazas nos campamentos de Nadal de Ferrol

FerrolXa
As actividades desenvolveranse os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 e 5 de xaneiro, dirixidas a menores de entre 3 e 13 anos
FERROL xenérica
23 Nov 2026

O Concello de Ferrol abriu o prazo de inscrición para os campamentos urbanos e rurais de Nadal, que ofrecerán un total de 100 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. O programa, organizado a través da área de Muller e Igualdade, que dirixe Elvira Miramontes, desenvolverase os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, así como o 2 e o 5 de xaneiro, e o prazo para presentar as solicitudes finalizará o próximo 1 de decembro.

A iniciativa contará con 70 prazas na zona urbana, distribuídas entre a ludoteca da praza de España e o CEIP de Ponzos, e outras 30 no rural, que terán como sede o local da Asociación de Veciños Val de Esmelle. O servizo funcionará de luns a venres, agás os días festivos e o 24 e 31 de decembro, en horario ordinario de 9.30 a 13.30 horas e cunha opción ampliada de 8.30 a 14.30 horas.

Para acceder ao programa, os menores deberán estar empadroados no Concello de Ferrol, salvo aqueles derivados da Casa de Acollida Municipal. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición, de acordo cos criterios de preferencia establecidos, e poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de 9.00 a 14.00 horas, ou a través das plataformas habilitadas polas administracións públicas.

0.13041019439697