Abre o prazo para solicitar cita para renovar o DNI e o pasaporte en Cabanas

FerrolXa
A oficina móbil da Policía Nacional regresará ao municipio o 9 de setembro tras a pausa estival e permitirá realizar ambos os trámites sen desprazamentos
CABANAS expedicion dni
2 Aug 2026

A veciñanza de Cabanas xa pode solicitar cita para renovar ou expedir o Documento Nacional de Identidade (DNI) e o pasaporte sen necesidade de desprazarse fóra do municipio. A oficina móbil da Policía Nacional volverá instalarse na localidade o próximo 9 de setembro, unha vez rematada a interrupción do servizo durante os meses de verán.

As atencións comezarán ás 9.00 horas e será necesario reservar quenda previamente chamando ao teléfono do Concello (981 49 59 59), en horario de 8.30 a 15.00 horas.

As persoas que acudan á unidade móbil deberán presentar dúas fotografías recentes tamaño carné e, no caso das renovacións, levar tamén o DNI ou o pasaporte antigo. O pagamento das taxas poderá realizarse tanto en efectivo como con tarxeta bancaria. Os importes establecidos son de 12 euros para a renovación ou expedición do DNI e de 30 euros no caso do pasaporte.

Desde o Concello lembran que o DNI pode renovarse ata seis meses antes da súa data de caducidade, mentres que o pasaporte permite realizar o trámite con ata un ano de antelación.

Ademais, aquelas persoas que unicamente necesiten renovar os certificados dixitais do DNI, necesarios para realizar trámites electrónicos coa Administración, non precisarán solicitar cita previa. Neste caso poderán acudir directamente á unidade móbil e utilizar a máquina de autoservizo habilitada para este servizo.

0.090293884277344