ADIF e o Concello de Fene chegan ao acordo para construír unha nova pasarela peonil sobre a vía do tren

GaliciaXa | FerrolXa
Establece un investimento de 700.000 euros, financiado ao 50 % por ADIF e o Concello, para mellorar a permeabilidade e reforzar a seguridade nos desprazamentos
cervo-via-tren-ruta-xunco
19 Oct 2026

A Subdelegación do Goberno na Coruña informa da publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) do convenio entre o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Concello de Fene para mellorar a permeabilidade da liña ferroviaria Betanzos-Ferrol mediante a construción dunha nova pasarela peonil no punto quilométrico 33/910, en Perlío, no termo municipal de Fene.

O convenio, asinado o 30 de xullo de 2026 e publicado no BOE o pasado 17 de outubro, recolle a colaboración entre ambas as administracións para executar unha actuación destinada a mellorar a seguridade das persoas nos seus desprazamentos e evitar os cruzamentos indebidos das vías ferroviarias.

A subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, valorou positivamente esta actuación, que permitirá dar resposta a unha antiga demanda veciñal e avanzar na mellora da seguridade peonil en Fene. Taboadela destacou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar solucións que melloren a mobilidade das persoas e garantan unhas condicións máis seguras nos desprazamentos cotiáns.

Para ADIF, o acordo enmárcase no obxectivo de mellorar a seguridade ferroviaria e favorecer os cruzamentos a distinto nivel, de acordo coa normativa de seguridade operacional e interoperabilidade ferroviarias. A nova infraestrutura permitirá mellorar a conexión peonil na contorna e canalizar os desprazamentos por un paso habilitado para ese fin.

O documento establece que ADIF asumirá a contratación e a dirección facultativa das obras, ademais de tramitar as autorizacións que sexan necesarias. Unha vez rematados os traballos, tamén se encargará de retirar as instalacións existentes e executar o valado da vía para impedir o acceso á plataforma ferroviaria e favorecer o uso da nova pasarela.

O custo total estimado da actuación ascende a 700.000 euros, dos que ADIF achegará 350.000 euros e o Concello de Fene os outros 350.000 euros. A planificación económica recollida no convenio distribúe o total das achegas entre os exercicios 2026 e 2029, con 10.000 euros no primeiro ano, 190.000 euros en 2027 e 250.000 euros en cada un dos dous exercicios seguintes pagados ao 50% entre as dúas partes. Ademais, o Concello terá que poñer a disposición de ADIF os terreos necesarios para a execución das obras.

O acordo tamén prevé que ADIF outorgue ao Concello de Fene unha concesión administrativa gratuíta da pasarela por un período máximo de 75 anos. O Concello asumirá o mantemento, a conservación e a vixilancia da infraestrutura, nos termos establecidos no convenio.

O convenio establece, ademais, a creación dunha comisión de seguimento integrada por representantes de ADIF e do Concello de Fene, encargada de supervisar o desenvolvemento das actuacións, coordinar os traballos e velar polo cumprimento dos prazos.

0.16044282913208