Alerta en Narón por chamadas fraudulentas a comercios en nome do Concello

FerrolXa
O goberno local advirte de que os estafadores solicitan datos coa escusa de renovar a documentación dos negocios e recomenda non facilitar ningunha información
NARON casa do concello
26 Oct 2026

O Concello de Narón alerta dunha posible estafa telefónica dirixida aos comercios do municipio. Segundo advertiu o goberno local, estanse a producir chamadas nas que persoas alleas á Administración se fan pasar por persoal municipal para solicitar información coa escusa de tramitar a renovación da documentación dos establecementos.

A alerta chegou a través da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), que trasladou ao Concello a existencia destas comunicacións para advertir dos posibles riscos entre os negocios locais.

Desde o goberno municipal lembran que o Concello non chama aos establecementos para xestionar a renovación dos seus documentos. Estes trámites deben realizarse a través das canles oficiais da Administración, polo que se recomenda desconfiar das chamadas inesperadas que soliciten información con este pretexto.

Ante unha comunicación deste tipo, a recomendación é non facilitar datos persoais nin bancarios e finalizar a chamada. Tamén se aconsella informar a Policía Local ou as forzas de seguridade para que teñan constancia dos feitos.

No caso de ter proporcionado información, o Concello recomenda contactar co banco canto antes, especialmente se se facilitaron datos bancarios. Se existen dúbidas sobre a autenticidade dunha chamada, pódese verificar a información directamente coa Administración local a través do teléfono habitual de atención, o 981 337 700.

O Concello agradece á Asociación de Comerciantes de Narón a rapidez coa que trasladou o aviso e pide ao comercio local que difunda esta alerta entre outras persoas con negocios no municipio, co obxectivo de evitar que máis establecementos poidan caer no engano.

0.17496109008789