Amora Café Brunch gaña o certame Tapas de Outono de Cedeira

FerrolXa
O establecemento, aberto hai poucos meses, conquistou o primeiro premio do público coa súa proposta de carrilleira ibérica sobre brioche e crema de castañas e cabaza
CEDEIRA tapas outono amora ganador
17 Nov 2026

O Amora Café Brunch proclamouse gañador da sétima edición do certame Tapas de Outono de Cedeira, celebrado entre o venres e o domingo pasados. O establecemento, aberto hai apenas uns meses, conseguiu o primeiro posto nas votacións do público cunha elaboración de carrilleira ibérica melosa, glaseada ao viño tinto e servida sobre un brioche dourado, acompañada dunha suave crema de castañas e cabaza asada, setas de tempada e crocante de xamón ibérico.

O segundo premio foi para Bon Pé, que presentou un wantán de camarón, setas e crema de castañas sobre compota de mazá, xenxibre e demi-glace. A proposta completábase con chips de boniato, garavanzos fritos, queixos San Simón da Costa e Cebreiro, setas e un toque de trufa.

Pola súa banda, O Amanexo acadou o terceiro posto cun petisco de rabo de boi estufado a baixa temperatura e crocante, acompañado do seu mollo, emulsión de patacas e porros, crumble de castañas asadas, unha falsa cantarela de cabaza e boletos confitados ao allo.

350 votos e 13 propostas gastronómicas

O concurso rexistrou un total de 350 votos válidos. Para participar nas votacións, cada persoa debía probar polo menos sete das 13 tapas presentadas, cun único voto por participante.

A elevada afluencia de público tamén se reflectiu na participación nas actividades complementarias. Durante os días do certame sortearonse 15 cestas de produtos, valoradas en 100 euros cada unha, ademais dunha cea entre as persoas que emitiron o seu voto.

O Concello reforzou este ano os incentivos para dinamizar a hostalaría e o comercio local. Así, os 13 establecementos participantes recibiron unha cesta para sortear entre a súa clientela, mentres que outras dúas se repartiron a través do comercio local entre as persoas que realizaron compras durante as xornadas do concurso.

A programación contou tamén con animación musical polas rúas. O sábado actuaron as charangas Bicoia e BMVC, mentres que o domingo foi a quenda da asociación Buxainas e da charanga Santa Compaña.

Unha xornada gastronómica como antesala

A sétima edición incorporou ademais unha actividade previa ao concurso. O martes anterior celebrouse na sala Áncora unha mostra de cociña a cargo de Arantxa Jiménez e Jorge Vázquez, do restaurante O Pozo de Cambre. A sesión rexistrou tamén unha notable asistencia e serviu para completar a programación gastronómica arredor da restauración.

0.18366193771362