Aprender a actuar ante unha emerxencia infantil: Neda organiza un obradoiro de primeiros auxilios

Saber como reaccionar ante unha emerxencia pode resultar fundamental cando a persoa afectada é un neno ou unha nena. Con este obxectivo, o Concello de Neda organiza, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, un obradoiro de primeiros auxilios na infancia dirixido especialmente a nais, pais e persoas encargadas do coidado de menores.
A actividade terá lugar o 19 de outubro, entre as 16.30 e as 19.30 horas, na Casa da Cultura de Neda. A formación pretende achegar coñecementos básicos para saber como actuar nos primeiros momentos ante diferentes situacións de emerxencia pediátrica.
O obradoiro será impartido por María Amparo González, médica base na Coruña da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Durante a sesión abordaranse algunhas das situacións que poden requirir unha intervención inmediata, como as convulsións, as crises epilépticas, as dificultades respiratorias, a perda de coñecemento ou os atragoamentos.
A proposta busca tamén resolver as dúbidas que poidan ter as familias sobre como prestar unha primeira atención aos menores. Un dos aspectos que se abordará é precisamente a diferenza entre os primeiros auxilios destinados á infancia e as actuacións que se realizan ante unha emerxencia nunha persoa adulta.
Inscrición xa aberta
As persoas interesadas xa poden inscribirse a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dentro do apartado de cursos presenciais. A participación dará dereito a un diploma acreditativo. Ademais, o Concello facilitará a inscrición desde a propia Casa da Cultura para aquelas persoas que teñan dificultades para completar o proceso por internet.
A iniciativa supón a recuperación en Neda de actividades formativas e informativas relacionadas coa saúde, nesta ocasión cunha proposta especialmente orientada ás familias e ao coidado dos máis pequenos.