Ares abre en agosto as inscricións para as actividades deportivas municipais do curso 2026-2027

O Concello de Ares abrirá o próximo 7 de agosto o prazo de inscrición para as Actividades Deportivas Municipais do curso 2026-2027, unha programación que busca fomentar os hábitos saudables e a práctica de exercicio físico entre a veciñanza de todas as idades.
As persoas empadroadas no municipio poderán presentar as súas solicitudes entre o 7 e o 14 de agosto, mentres que as non empadroadas poderán facelo a partir do 17 de agosto, sempre ata completar as prazas dispoñibles.
A oferta deportiva inclúe sesións de pilates, ioga, tonificación, zumba, baile latino, ximnasia en Caamouco e programas de actividade física para persoas maiores de 60 e 70 anos. As clases desenvolveranse en diferentes instalacións municipais e sociais, entre elas o pavillón polideportivo, a Casa da Xuventude, o local social de Seselle, o Centro Cultural Outeiro e a Agrupación Instrutiva de Caamouco.
As inscricións realizaranse de forma telemática a través da páxina web municipal, no apartado de Actividades Deportivas Municipais. A única excepción será o programa de actividade física para maiores de 70 anos, cuxa solicitude deberá formalizarse presencialmente no pavillón polideportivo municipal, de luns a venres entre as 9.00 e as 13.00 horas.
Co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas, cada participante poderá solicitar un máximo de tres actividades por orde de preferencia e só poderá elixir un horario en cada unha delas.
Unha vez resolto o proceso de admisión, o Concello comunicará individualmente a dispoñibilidade de praza e a data de inicio das escolas deportivas. O pagamento da matrícula e da primeira mensualidade realizarase entre o 1 e o 8 de setembro. A matrícula terá un custo de 10,13 euros para as persoas empadroadas e de 18,99 euros para as non empadroadas.
A programación mantén tamén diferentes bonificacións económicas. As familias numerosas e as unidades familiares con tres ou máis persoas inscritas poderán beneficiarse dun desconto do 50 % na matrícula e noutras cotas segundo os casos previstos. Ademais, as familias con escasos recursos económicos poderán acceder gratuitamente ás actividades, previa valoración dos Servizos Sociais municipais.