Ares completa o POS+2025 coa renovación do Camiño da Malata e inicia a reforma de Prados Vellos

FerrolXa
As actuacións mobilizan máis de 916.000 euros e permitirán renovar un vial de Caamouco e modernizar o campo municipal de fútbol
ARES pos prados vellos
26 Sep 2026

O Concello de Ares culmina as actuacións previstas no POS+2025 coa renovación do Camiño da Malata, en Caamouco, ao tempo que inicia as obras de mellora do Campo Municipal de Prados Vellos. Entre ambas as intervencións suman máis de 440.000 euros, mentres que o conxunto das tres obras incluídas no POS+2025 alcanzou os 537.173,74 euros.

A actuación no Camiño da Malata conta cun investimento de 61.650,78 euros. O proxecto contempla a renovación da pavimentación mediante un novo aglomerado asfáltico, así como a limpeza das marxes e o refinado das cunetas.

Do importe total, 51.565,19 euros son achegados pola Deputación da Coruña a través do POS+2025 e os 10.185,59 euros restantes corresponden ao Concello de Ares.

Esta intervención completa as actuacións do POS+2025, que tamén incluíu as obras realizadas na rúa María, cun investimento de 331.564,01 euros, e na rúa Irmáns Bugallo, por 143.958,95 euros.

Segundo sinala a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, o Camiño da Malata é un vial de uso habitual para a veciñanza de Redes, xa que dá acceso á igrexa e ao cemiterio e funciona tamén como unha das vías de saída do municipio.

Renovación do campo de Prados Vellos

Paralelamente, comezaron as obras de mellora do Campo Municipal de Prados Vellos, incluídas no POS+2026 da Deputación da Coruña. A actuación ten un orzamento de 379.059,42 euros, dos que 198.325,66 euros serán financiados pola Deputación e 180.733,76 euros polo Concello de Ares.

O proxecto contempla a renovación completa do céspede sintético e a instalación dunha rede separadora retráctil para delimitar as diferentes áreas de xogo. Tamén se incorporará unha nova rede de rega e se modernizará o sistema de drenaxe da instalación.

As obras inclúen ademais a colocación de novas luminarias LED na contorna do graderío, dentro dunha intervención que pretende actualizar diferentes elementos do equipamento deportivo.

A concelleira de Cultura, Deportes, Turismo e Patrimonio, Alma Barrón, destaca que a renovación permitirá mellorar unhas instalacións cun importante nivel de uso ao longo do ano e adaptar o campo ás necesidades dos clubs e das persoas que practican deporte no municipio.

Desde Urbanismo sitúan esta actuación dentro dunha estratexia máis ampla de renovación das infraestruturas municipais. Nesa liña, o Concello cita os traballos realizados no Pavillón Municipal, na envolvente do Edificio de Prados Vellos e na Nave de Embarcacións do Club de Remo, aos que se prevé sumar a construción dos novos vestiarios no Club de Tenis de Redes.

0.11977100372314