Ares mantén ata decembro as súas actividades educativas e de sensibilización contra a violencia machista

FerrolXa
A programación do 25N inclúe un contacontos este mércores no CPI As Mirandas, un escape room para escolares, unha sesión de mindfulness e as xornadas municipais de violencia de xénero do 3 de decembro
25n xenérico
25 Nov 2026

O programa de actividades impulsado polo Concello de Ares con motivo do 25N continuará durante os vindeiros días con varias propostas dirixidas á comunidade educativa e ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A iniciativa, coordinada desde a Concellaría de Igualdade, busca reforzar a sensibilización e a prevención desde distintos ámbitos.

A próxima cita será este mércores, 25 de novembro, co contacontos 'Nin máis nin menos', dirixido ao alumnado de cuarto de Educación Infantil do CPI As Mirandas. A programación continuará o luns 30 de novembro co escape room 'A viaxeira no tempo', destinado a escolares de quinto de Primaria do mesmo centro.

Xa en decembro, o martes día 1 terá lugar a última sesión do proxecto de mindfulness 'Parar, respirar e autocompaixón', unha proposta de acompañamento dirixida a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O calendario concluirá o xoves 3 de decembro coas xornadas anuais de violencia de xénero organizadas polo Concello de Ares, que se desenvolverán tanto en horario de mañá como de tarde.

Contra a explotación e a violencia cara ás mulleres

As actividades forman parte da campaña municipal vinculada ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nesta edición, a Concellaría de Igualdade adhírese tamén á campaña institucional 'De Fronte', promovida pola Deputación da Coruña, que pon o foco no sistema prostitucional e na mercantilización dos corpos das mulleres.

A iniciativa reivindica así mesmo a importancia da educación afectivo-sexual e do reforzo dos Centros de Información á Muller. O Concello tamén se suma á declaración institucional da FEGAMP 'Que che doe máis?', dentro do seu compromiso de rexeitamento a todas as formas de violencia machista.

0.16878390312195