Ares pecha os obradoiros de costura creativa para aprender a reutilizar e transformar roupa

A Casa Rectoral de Ares rematou esta semana o ciclo municipal de obradoiros de customización de roupa, unha iniciativa coa que o Concello quixo promover a reutilización téxtil e o consumo responsable a través da aprendizaxe de técnicas de costura creativa.
Durante as tres sesións formativas, as persoas participantes traballaron en dúas propostas. A primeira, 'Customiza a túa roupa', permitiu transformar prendas esquecidas no armario en deseños personalizados, empregando a creatividade para darlles unha nova vida.
A segunda actividade, 'Crea a túa tote bag', centrouse na elaboración de bolsas resistentes e funcionais a partir de pantalóns vaqueiros en desuso. Para iso, aproveitáronse elementos orixinais das prendas, como os petos e as costuras.
Unha aposta pola economía circular
Con esta iniciativa, o Concello de Ares busca fomentar a economía circular e reducir os residuos téxtiles mediante a reparación e transformación de roupa. A proposta parte da idea de que alongar a vida útil das prendas é unha alternativa ao consumo de roupa nova e contribúe a reducir o impacto ambiental da industria da moda.
Os obradoiros enmárcanse na estratexia municipal de mellora da xestión dos residuos e contan co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así como co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e Fondos Europeos.