As ANPAs de Ferrolterra apoian a folga xeral do 11 de novembro e chaman ás familias a participar

FerrolXa
A Federación Comarcal denuncia as desigualdades que sofren as persoas que viven na periferia, especialmente no acceso á vivenda, ao transporte e aos servizos públicos
FERROL FEANPAS
10 Nov 2026

A Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAs de Centros Públicos (Feanpas) súmase aos apoios á folga xeral convocada para este mércores 11 de novembro e anima as familias a participar na mobilización. A entidade considera que a reivindicación dunha vivenda digna está directamente relacionada coas condicións de vida das familias e coas oportunidades de futuro das crianzas.

A federación pon o foco nas dificultades que afrontan as persoas que non poden asumir o custo de vivir nas cidades e se ven obrigadas a trasladarse á periferia ou aos suburbios. Segundo denuncia, esta situación implica tamén un acceso máis limitado aos servizos públicos e maiores dificultades para desprazarse ao traballo, aos centros educativos ou aos espazos de lecer.

A Feanpas critica as carencias do transporte por estrada, que non sempre ofrece servizos nos horarios necesarios, e a situación dos centros escolares da periferia. Neste ámbito, alerta das ameazas recorrentes de peche de unidades e da falta crónica de profesorado especialista. Tamén sinala os problemas para chegar aos centros de saúde e hospitais, con rutas de transporte que poden alongar os desprazamentos.

Unha reivindicación que afecta ás familias

A federación subliña que as persoas que viven esta realidade son tamén as que sosteñen as asociacións de nais e pais dos centros públicos. Na súa opinión, moitas delas traballan en condicións precarias e nin sequera teñen garantida a posibilidade de secundar unha folga, por temor a represalias ou a perder o emprego.

A entidade relaciona estas dificultades coa transmisión da pobreza entre xeracións e defende a mobilización para evitar novos recortes de dereitos e protexer o Estado do benestar.

'Polo pouco que queda do Estado de benestar e para non perder máis dereitos dos que xa perdemos por non pelexalos', conclúe Feanpas.

0.16011595726013